Cuentas, a instancias do BNG, pide anular os acordos de Someso para exixir responsabilidades
A Coruña, 11 de decembro de 2014- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o contido da Acta de liquidación provisional do Tribunal de Cuentas, con data de 9 de decembro de 2014, respecto da denuncia presentada polo BNG en relación á desfeita urbanística en Someso e os prexuízos económicos sufridos polo Concello. Carril salientou que, nesta fase previa de instrución, o instrutor do Tribunal de Cuentas, que dá a entender que non hai nada prescrito, entra ao fondo do asunto e sinala que mentres non se revisen de oficio os actos e acordos administrativos relativos ao Sector S7 de Someso, que son nulos de pleno dereito, non se poden determinar as responsabilidades contábeis. Trátase dos acordos das Xuntas de Goberno Local adoptados a 29.10.2004, a 30.09.2005 e a 03.02.2006, cando era alcalde da cidade o Sr. Francisco Vázquez.
Precisamente, o portavoz nacionalista insistiu en que, paralelamente á denuncia presentada perante o Tribunal de Cuentas, o Bloque solicitoulle ao Goberno do Sr. Negreira até en tres ocasións a revisión de oficio por nulidade de pleno dereito destes acordos da Xunta de Goberno Local e recibiu como resposta nas tres ocasións o non do Goberno do Sr. Negreira. Fíxoo mediante unha moción de 11.01.2013 (que contou co voto en contra do PP e coa abstención do PSOE) e mediante dous escritos dirixidos ao alcalde a 12.01.2013 e a 8.02.2013 (este último non respostado, polo que se entende denegado por silencio).
Tal e como se recolle no documento do instrutor da fase previa (páx. 19) o acordo da Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005 de enaxenación a favor da Xunta de Compensación do aproveitamento correspondente ao Concello (...) non foi impugnado en vía contencioso-administrativa, polo que permaneceu inacatado, despregando todos os seus efectos xurídicos. Este acordo da Xunta de Goberno Local constitúe a xuízo deste instrutor un elemento decisivo para despexar as hipotéticas responsabilidades contábeis. Insiste no mesmo na páxina 22 cando advirte que Máxime cando, como tamén se sinalou no anterior punto un, o acordo da Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005 de enaxenación a favor da Xunta de Compensación do aproveitamento correspondente ao Concello tanto con destino a vivenda VPO como a vivenda libre, en execución do acordo adoptado con data 29 de febreiro de 2004, non foi impugnado en vía contencioso administrativa, polo que permaneceu inacatado, despregando todos os seus efectos xurídicos. E remata na páxina 25 afirmando que "As presuntas irregularidades denunciadas polo actor público relativas á participación municipal no proxecto de Compensación do Sector 7 e enaxenación de aproveitamentos a favor da Xunta de Compensación (apartados Un e Catro anteriores) gozarían, en primeiro lugar, do respaldo do inatacado Acordo de la Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005".
Carril insistiu en que mentres non se revisen de oficio os citados actos e acordos administrativos a favor da Xunta de Compensación, que presidía por aquel entón o Sr. Fontenla, estes actos e acordos seguen a surtir efecto. Por iso, subliñou a necesidade de que, a resultas do apuntado polo Tribunal de Cuentas a instancias do BNG, o Goberno do Sr. Negreira cambie o seu criterio e decida, por fin, incoar a revisión de oficio dos actos e acordos administrativos das Xuntas de Goberno Local de 29.10.2004, de 30.09.2005 e de 03.02.2006.
O portavoz nacionalista rematou a súa intervención indicando que a presente acta de liquidación ten un carácter provisional e que se fai a reserva da decisión que se adopte posteriormente no proceso xurisdiccional contábel que, no seu caso, se incoe, onde as partes lexitimadas poden facer alegacións e solicitar as dilixencias de proba que estimen oportunas.