O BNG pídelle ao Goberno local que acabe coa insalubridade do solar de Almirante Romai

O BNG pídelle ao Goberno local que acabe coa insalubridade do solar de Almirante Romai

Almirante romaiA Coruña, 6 novembro de 2014- A concelleira do BNG María Xosé Bravo visitou esta mañá a praza Almirante Romai, onde mantivo unha reunión con veciños e veciñas gravemente prexudicados polo estado en que se atopa o soar abandonado á altura dos números 4 e 5. A veciñanza da praza e de San Roque de Afóra trasladoulle á nacionalista o seu malestar e preocupación pola falta de salubridade deste solar en que emana unha enorme balsa de auga estancada na que hai refugallos e moitos insectos.

As persoas que moran ao redor do solar transmitíronlle a María Xosé Bravo que apenas poden abrir as xanelas dos seus pisos tanto polo cheiro que desprende esta balsa de auga que, aos poucos, vai apodrecendo como pola bichería que entran nos seus fogares. Non é a primeira vez que a veciñanza se dirixe ao Concello para acabar co foco de infección provocado pola empresa propietaria deste terreo en estado de abandono.

O Goberno local debe ordenarlle, de xeito inmediato, á empresa propietaria que execute as obras necesarias para restituír a salubridade no vecindario

Pola súa banda, María Xosé Bravo lembrou as preguntas escritas presentadas polo BNG no mes de xullo para se interesar pola situación do soar e volveu exixir que o Goberno local lle ordene, de xeito inmediato, á empresa propietaria que execute as obras necesarias para restituír a salubridade da zona, e no caso de non cumprir debe procederse á execución forzosa ou á execución subsidiaria. A concelleira nacionalista informou a veciñanza de que o Grupo Municipal do BNG vén de solicitar acceso ao expediente sobre a obra, co fin de coñecer como se atopa o procedemento. E é que hai uns meses, o soar atopábase en trámite de incoación de expediente de caducidade.

 

O BNG pídelle ao Goberno local que acabe coa insalubridade do solar de Almirante Romai