Un primeiro tramo da candidatura BNG-Asembleas Abertas plural e que encarna as loitas sociais

Un primeiro tramo da candidatura BNG-Asembleas Abertas plural e que encarna as loitas sociais

candiA Coruña, 17 de decembro de 2014- O primeiro tramo da candidatura co que o BNG-Asembleas Abertas concorrerá ás eleccións municipais de maio presentouse esta mañá ante medios de comunicación na cidade nunha xuntanza informal. Os candidatos e candidatas déronse a coñecer ante a prensa demostrando que a listaxe nacionalista se caracteriza por ser plural –xa que inclúe persoas de referencia do BNG e persoas non militantes da organización- e por encarnar as distintas loitas sociais das maiorías –pois os membros da candidatura son activistas que defenden as persoas agredidas pola crise e polas políticas de dereitas.

Xosé Manuel Carril, cabeza de lista da candidatura e portavoz do Grupo Municipal do BNG, explicoulle aos e ás xornalistas que este primeiro tramo da listaxe do BNG-Asembleas Abertas foi elixido en réxime asembleario, unha práctica habitual dentro da organización nacionalista, e que, ademais, persoas non militantes do BNG participaron coas súas propostas e elección do primeiro tramo da candidatura no marco do proceso “Construíndo Futuro”. De feito, Carril salientou a presenza de persoas independentes –non militantes da organización- nos postos de saída da listaxe do BNG-Asembleas Abertas.

O cabeza de lista puxo de manifesto que o BNG-Asembleas Abertas se presenta ás eleccións municipais cun proxecto nacionalista alternativo ás políticas de asfixia social que practica o Partido Popular, ao que acusou de estar ao servizo da banca e, no caso da Coruña, das grandes promotoras e construtoras. Na mesma liña, sinalou que o primeiro tramo da candidatura representa a idea do nacionalismo como un movemento de liberazación nacional e, ao mesmo tempo, como un movemento de liberazación social. Reclamou a soberanía para Galiza co fin de lograr a emancipación das súas xentes e de que as persoas poidan vivir do seu traballo.

 

almorzo candidatura1. Xosé Manuel Carril. Presentouse como un “neno” de Monte Alto que vive do seu traballo como docente e investigador na Universidade da Coruña e que se dedica á política como galego responsábel e con conciencia e consciencia, sendo a persoa que porta a voz do BNG no Concello da Coruña e tratando de evidenciar que desde Galiza, como cidade galega e de mar, hai alternativas ás políticas españolas e de dereitas do PP.

2. María Xosé Bravo. Presentouse como ensinante de Secundaria nun instituto da cidade, traballo que compatibiliza ás carreiras co papel de concelleira. Salientou a necesidade e a importancia das políticas que se aplican desde o eido local, pois son as máis próximas ás persoas e puxo en valor o traballo do BNG nas institucións mais, nomeadamente, na rúa, co fin de lograr o benestar dos veciños e veciñas da Coruña. Así, advertiu de que o Bloque estivo alá onde houbo unha loita social.

3. Marisol Mirás. Informou os e as xornalistas de que traballa como PAS na Universidade da Coruña e de que leva anos participando e acudindo a convocatorias de carácter reivindicativo-social-cultural-nacionalista-ambiental... Activista feminista e veciñal, non militante do BNG, sinalou que a organización nacionalista é o denominador común das distintas loitas sociais e ten e tivo a responsabilidade de organizar a cidadanía á hora de facerlle fronte ao poder dos mercados.

4. Avia Veira. Presentouse como unha moza de 28 anos que estudou Filoloxía Galega e que, como boa parte da mocidade do país, estivo no desemprego. A concelleira do BNG sinalou que estuda a día de hoxe un mestrado e que é nai de dous nenos.

5. Anxo Sánchez. Presentouse como activista xuvenil, informático e, nestes momentos, no desemprego. Sinalou que forma parte da candidatura porque só coas políticas do BNG, pensadas para o país, polo país e a favor das maiorías agredidas, a mocidade terá futuro. Foi moi crítico coas políticas de dereita, que condenan os mozos e mozas ao desemprego –lembrou que 135.000 mozos e mozas tiveron que abandonar o país en busca de traballo.

6. Suso Bermello. Informou a Prensa de que antes de ser profesor de Historia, en Secundaria, foi mestre de Primaria e apuntou que a súa faceta pública se enmarca no sindicalismo, xa que forma parte da Executiva da CIG na comarca da Coruña e da Executiva da CIG-Ensino a nivel nacional. Salientou que nas recentes eleccións sindicais a CIG-Ensino volveu saír elixido como sindicato maioritario no ensino público e sinalou que o que claramente o identifica nesta sociedade é ser nacionalista.

7. Isabel Risco. Rostro moi coñecido na televisión pública galega, sinalou que traballa como actriz e que milita no BNG desde os 18 anos. Co humor que a caracteriza, agradeceu que o BNG-Asembleas Abertas tiveran a “irresponsabilidade” de propoñela e elixila como unha das persoas que forman parte do primeiro tramo da candidatura. Concluíu advertindo da súa preocupación pola defensa do noso país e, en consecuencia, da cidade e subliñou que, dado o empobrecemento ao que se ve sometida a inmensa maioría do pobo, é hora de tomarmos partido.

8. Fernando Souto. Presentouse como activista da memoria histórica na súa faceta máis pública e informou de que é traballador do sector privado, amais de agradecer a súa presenza no primeiro tramo da lista do BNG-Asembleas Abertas.

9. Tino Fernández. Presentouse ante os medios como traballador e delegado sindical da CIG no sector precarizado do telemárketing. Independente –non militante do BNG- declarouse identificado coas ideas e obxectivos do BNG.

10. María Seijo. Presentouse como enfermeira e delegada sindical da CIG. É a actual presidenta da Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña e unha coñecida activista da plataforma SOS Sanidade Pública.

 

Un primeiro tramo da candidatura BNG-Asembleas Abertas plural e que encarna as loitas sociais