Carril chama a contestar os orzamentos xerais cunha participación masiva na folga xeral
A Coruña, 8 de novembro de 2012.- A deputada do BNG no Congreso do Estado, Rosana Pérez, deu a coñecer esta mañá, en rolda de prensa, as emendas presentadas polas parlamentares nacionalistas aos orzamentos xerais do Estado. Fíxoo, acompañada do portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, quen puxo de manifesto que "se non se teñen en conta as nosas emendas, estes orzamentos seguirán a ser os orzamentos da troika, uns orzamentos ficticios que condenan a maior parte da poboación ao paro e que teiman en facer máis ricas as persoas ricas e a costa de quitarlles ás persoas pobres".
Neste contexto, Carril salientou que "estas políticas de asfixia social e de afogo á meirande parte da cidadanía teñen que ser contestadas masivamente e temos oportunidade de facelo o vindeiro mércores, 14 de novembro, día de folga xeral". Así, o portavoz do Grupo Municipal do BNG chamou a cidadanía a secundar a folga e a sumarse á manifestación que partirá ás 12h da Palloza. En relación á folga, Carril fixo alusión ao paro que están a manter estes días os e as traballadoras do xornal El País, colectivo ao que lle enviou a solidariedade do BNG.
As emendas para a cidade e a comarca
Pola súa banda, Rosana Pérez deu conta das emendas presentadas polo BNG repecto da cidade e da comarca. En primeiro lugar, referiuse á demanda histórica do BNG e da Confraría da Coruña para a rexeneración da ría do Burgo, á que o Goberno central non quixo dedicarlle nin un só céntimo, por segundo orzamento consecutivo. Informou de que os nacionalistas reclaman 2 millóns para o seu saneamento, "a rexeneración da ría, que crearía centos de postos de traballo de calidade é irrenunciábel, asegurou. Tamén aludiu ás conexións viaria e ferroviaria do porto exterior, porque "non ten sentido ningún este colosal equipamento na Coruña sen as conexións indispensábeis para que poida operar con normalidade. Reclama o BNG 7 millóns para os 5,5 km do acceso viario e 8,2 millóns para a conexión por camiños de ferro.
Ademais, puxo de manifesto que o BNG solicita nunha emenda 300.000 euros para a pasarela peonil de Palavea, 1 millón para a conexión de Alvedro coa AP 9, 500.000 para a Real Academia de Belas Artes Virxe do Rosario, 658.000 para a RAG e unha partida xenérica de 2 millóns para o estudo para a implantación do tren de proximidade en Galiza.
No que respecta ás emendas sobre a comarca, Rosana Pérez chamou a atención sobre a inexistencia de partidas para melloras nas estradas alternativas á AP9, cada vez, con máis tráfico dados os altos prezos das peaxes. Neste sentido, o BNG esixe melloras na seguridade viaria, como é o caso dos 400.000 euros para a mellora das seguridade viaria na N651 A Coruña-Ferrol, outros 400.000 euros para melloras da NVI ao seu paso pola provincia da Coruña, do millón de euros da seguridade viaria da NVI ao seu paso por Aranga, Betanzos, Coirós, Sada e Bergondo ou dos 500.000 euros na N550 en Sigrás e Anceis (Cambre) e no municipio de Carral. Tamén no que respecta a estradas, o BNG solicita un millón para o desdobramento da NVI en O Carballo (Oleiros).
Ademais, tal e como explicou Rosana, as deputadas nacionalistas pediron emendas dotadas de 1 millón para actuacións medioambientais na ría do Pedrido, 150.000 euros para melloras de seguridade na praia do Naval (Oleiros), 800.000 euros para obras de mellora en vías do tren, para a construción dun apeadoiro na Barcala e para a supresión do paso a nivel de Meixigo (Cambre) e 500.000 euros para a construción dun paso subterráneo da AP9 ao seu paso por Vilaboa (Culleredo).
Rosana Pérez propón restarlle cartos á Casa Real, á Igrexa, a Defensa e a Interior para transferilos a investir en sectores produtivos capaces de crear emprego
A parlamentar nacionalista insistiu en que os orzamentos presentados polo Goberno central son de todo ficticios, xa que, ao igual que aconteceu coas contas de 2012, non se poderán levar a cabo os investimentos en infraestruturas, nomeadamente en obras. Tamén sinalou que son antisociais. Citou dous exemplos representativos, a conxelación das pensións e o recorte en materia de emprego. "Está sen definirse a revalorización das pensións para o 2013 e séguese falando dese 1 por cento que só significa conxelación e que está moi lonxe de ser unha revalorización real de acorde co IPC", afirmou. Ademais, criticou o recorte do 34,6% en políticas activas de emprego. Neste sentido, anunciou que o BNG presenta unha emenda de 1.150 millóns para mellorar a dotación das políticas activas de emprego.
Pola outra banda, puxo de manifesto que o BNG reclama reducións na partida da Casa Real, na partida da asignación á Igrexa Católica e nos ministerios de Defensa e do Interior, co fin de que 453 millóns sexan destinados para fomentar os sectores produtivos de Galiza, con capacidade de crear postos de emprego. Por último, informou de que as nacionalistas porán, unha vez máis, enriba da mesa, unha reforma fiscal progresiva, para que paguen máis as persoas que máis teñen.