O PP mete medo co nacionalismo porque sabe que se concentrades o voto no BNG perderá o 21-0

O PP mete medo co nacionalismo porque sabe que se concentrades o voto no BNG perderá o 21-0

 

A Coruña, 18 de outubro de 2012.- Presidente, Presidente!. Esta foi a sintonía que se deixou oír esta tarde noite na Coruña no penúltimo mitin dunha campaña que co esforzo de todos e todas pode sacar o PP do goberno e liberar a Galiza da soberbia, da mentira e da prepotencia do peor presidente da historia do País, Alberto Núñez Feijóo, “o señorito de Fenosa”, como lembrou Ana Pontón que lle chamaban nos Peares.

Unha sintonía, un berro coreado polas máis de 1.500 persoas que ateigaron o Palexco e que deron paso á intervención do candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, quen afirmou que o PP está tentando meter medo co nacionalismo porque sabe que ten as eleccións perdidas, “tede a seguridade de que se concentramos o voto nacionalista e de esquerdas no BNG o PP perderá as eleccións”.

Jorquera replicou a Feijóo que o que o único que mete medo aos galegos e galegas é como está deixando o País o Partido Popular, “a súa estratexia é ou eu ou o caos pero o caos son as políticas do PP”.

Separadores e separatistas

O candidato nacionalista asegurou que o BNG non é separatista, “como dicía Castelao son eles os separadores, cando se esquecen da austeridade e dilapidan cartos públicos para acabar co galego, ou cando recentralizan o ensino para que haxa ensino para ricos e para pobres”.

 

Feijóo tenta confundir e dividir o voto para poder reter no Parlamento a maioría que xa non ten na sociedade

Asemade, explicou que son os do PP os separadores cando entregan diñeiro público á banca privada sacándollo aos pequenos aforradores estafados polas preferentes e cando negan a Galiza o dereito a vivir do seu traballo e ser dona do seu propio futuro.

Dividir o voto

Jorquera insistiu en que a estratexia de Feijóo é a de tentar confundir e tentar dividir o voto para poder reter no Parlamento unha maioría que xa non ten na sociedade.

O candidato do BNG lamentou que Feijóo só saiba facer oposición da oposición e criticou que non foi quen de facer nin unha soa proposta en toda a campaña.

“Pero para iso está o BNG, para facerlle frente, porque nós si temos un proxecto para este País, un proxecto que garante o cambio que precisa Galiza e que pasa por ser insubmisos aos recortes, un sistema impositivo máis xusto, poñer Galiza a producir para xerar emprego, defender os servizos públicos e non dar un paso atrás nos dereitos e nas liberdades”.

Co BNG haberá comisión de investigación das Caixas no parlamento e pido tamén unha actuación xudicial contundente para depurar responsabilidades e para que devolvan os cartos os Méndez e Gayoso

Jorquera non puido pasar por alto aludir ao xuízo do Prestige, como ven facendo nos últimos actos pero hoxe con especial motivo por estar a celebrarse na cidade da Coruña.

Proclamando que o 21 de Outubro tamén haberá unha “maré de esperanza, de conciencia cívica, que volverá dicir Nunca Máis, neste caso ao desgoberno de Feijóo”, Jorquera conseguiu levantar de novo ao público baixo o mesmo berro, dúas palabras que xa forman parte da nosa identidade colectiva, do orgullo e defensa do noso.

Guillerme Vázquez

Pola súa parte, o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, asegurou que “se nos dades a forza logo do 21 de Outubro haberá comisión de investigación das caixas” e urxiu tamén unha actuación xudicial rápida e contundente para depurar responsabilidades “e que devolvan a pasta que se levaron os Gayosos e Méndez”.

Ana Pontón

Pola súa parte, a candidata número 2 por A Coruña, Ana Pontón, reivindicou a bandeira galega, con estrela vermella, como a bandeira dos bos e xenerosos, “dos que lle diremos good bye aos imbéciles e escuros”, a través da papaleta do Bloque Nacionalista Galego.

“Hai que derrotar ao PP -engadiu- para pór fin á soberbia e a prepotencia de Feijóo, o presidente que máis traizoou aos galegos e galegas, que foi cruel cos máis débiles e dócil cos poderosos”.

Proxecto colectivo

A voz dos afectados polas preferentes, dos afectados polos recortes da sanidade ou da situación de Alcoa tamén se deixaron oír no Palexco, porque o proxecto que o BNG ten para este País é un proxecto colectivo, a construir entre todos e todas.

O PP mete medo co nacionalismo porque sabe que se concentrades o voto no BNG perderá o 21-0