Valencia: "O Goberno municipal quere facer un negocio das hortas urbanas"
A Coruña, 29 de novembro de 2012.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia puxo de manifesto esta mañá, en rolda de prensa, as contradicións da Concellaría de Medio Ambiento no que respecta ás hortas urbanas. "Ou non le a documentación pública, ou está a mentir ou ben está a rectificar e non quere dicilo", sinalou a nacionalista.
En primeiro lugar, aludiu ao modelo que puxo como exemplo o concelleiro de Medio Ambiente: as hortas urbanas de Valladolid, un modelo privado ao que só poden ter acceso as persoas maiores de 60 anos. Precisamente, Valencia amosou un correo electrónico que Félix Revilla, o director da empresa que xestiona as hortas de Valladolid, lle enviou ao BNG para defender a privatización das hortas e para explicar que están destinadas a persoas maiores de 60 anos. "Este é o modelo en que se baseou o Goberno municipal: privatización e restrición de acceso, e o peor é que nin saca a parte positiva das hortas de Valladolid, que son de balde", apuntou.
No que respecta aos requirimentos do acceso ás hortas, que serán un total de 89, en Novo Mesoiro, a concelleira do BNG informou de que o prego de cláusulas desmonta a mentira do concelleiro de Medio Ambiente. "As hortas non van estar abertas a toda a cidadanía, as propias cláusulas din que estarán destinadas a maiores de 65 anos, persoas prexubiladas ou cunha invalidez", sinalou. "Nin persoas novas nin desempregadas van poder cultivar nas hortas municipais", engadiu antes de ler o contido das cláusulas.
No propio proxecto elaborado por un enxeñeiro técnico agrícola, dise que as hortas estarán "destinados a personas en edad de jubilación en donde es posible realizar una actividad física que activa el funcionamiento del sistema motriz y del psicológico mientras se disfruta de la naturaleza".
A este respecto, Valencia advertiu de que os proxectos técnicos non poden regular o que debe ser obxecto dunha ordenanza municipal, como é o caso das normas de uso e dos requirimentos dos e das usuarias.
"O PP aposta polo negocio cando en Galiza temos hortas públicas de balde e autoxestionadas moito máis baratas"
A continuación, a concelleira do BNG criticou que o Goberno do Sr. Negreira elixira a vía do negocio para as hortas, cando en Galiza existen hortas públicas de balde, como é o caso das hortas de Compostela e de Lugo, e cando hai hortas autoxestionadas, como é o caso das hortas de Feáns, moito máis baratas.
Valencia lembrou que en base ás ordenanzas de prezos públicos, os beneficiarios e beneficiarias das hortas terán que pagar 50 euros por cota de inscrición e 25 euros ao mes. Criticou ao respecto que por cultivar nunha horta municipal haxa que pagar o mesmo que para acceder a unha piscina dun club privado. Tamén reprobou a cota social da que presumiu o concelleiro: as persoas que gañen menos do 75% do IPREM quedan exentas de pagar os 25 euros mensuais, mais terán que aboar a cota de inscrición. "Non se pode vender como social unha cota na que se lles fai pagar 50 euros en concepto de cota de inscripción a persoas que gañan 5.000 euros anuais", sinalou.
Fronte a estas tarifas "máis propias dun club privado", a concelleira do BNG puxo como exemplo os casos xa citados de Compostela e Lugo e o caso impulsado polos movementos sociais en Feáns, cun custo simbólico de 20 euros anuais e abertas a persoas de todas as idades. "É paradoxal que a só medio km de Novo Mesoiro, haxa unhas hortas impulsadas pola cidadanía que custan 20 euros anuais, cando as hortas do Concello custarán 25 euros mensuais", denunciou. "A aposta do BNG é clara: o uso das hortas debe ser de balde", engadiu. "Semella que os concelleiros e concelleiras do PP non viven no mundo real nin pisan a rúa", ironizou.
"Urbanizar as hortas do Concello valerá 172.000 euros, urbanizar as hortas impulsadas polos movementos sociais en Feáns valeu 3.000"
Por último, Valencia comparou o prezo que lles custará a toda a cidadanía urbanizar as hortas de Novo Mesoiro, 172.000 euros, fronte aos 3.000 euros que custou urbanizar as hortas de Feáns, construídas polos movementos sociais a tan só medio km das hortas impulsadas polo Goberno do Sr. Negreira.