O BNG reclamará que se lles devolva até o último céntimo @s afectad@s polas preferentes
A Coruña, 19 de setembro de 2012.- A candidata do BNG número dous pola Coruña, Ana Pontón, a número 3, Ana Luísa Bouza, e mais a responsábel comarcal, Silvia Seixas, anunciaron esta mañá en rolda de prensa que o BNG levará a todos os concellos da comarca unha moción en defensa das persoas afectadas pola fraude das preferentes co fin de que se impugne do Real Decreto Lei 24/2012, unha norma coa que o PP legaliza esta estafa.
Ana Pontón, número dous pola Coruña e portavoz parlamentar, advertiu de que "nos atopamos ante un escándalo que lles afecta a uns 100.000 galegos e galegas, un tema que é de primeira importancia para o BNG". Pontón cualificou de "insulto" que haxa miles de millóns de euros públicos para tapar os buratos e os excesos da banca mentres non hai solución para as persoas que teñen os seus aforros atrapados nesta fraude e que agora teñen que asumir unha quita.
A nacionalista criticou a dupla vara de medir do PP. "Mentres o BNG defendeu desde o primeiro momento unha solución política para que aos e ás persoas afectadas se lles devolva até o último céntimo, o PP preferiu abandonar estas persoas e púxose do lado da banca", sinalou. Nesta liña, advertiu de que "mentres o BNG votou en contra da última reforma do sistema bancario, que supón unha expropiación dos aforros dos e das afectadas, Feijóo actuou como cómplice, ao renunciar a empregar as competencias que posúe como presidente da Xunta de Galiza".
Pontón puxo de manifesto que "Feijóo podería ter optado por dotar de medios os xulgados que levan a denuncia da Fiscalía, co fin de axilizar o caso, e podería ter optado por personarse nesta demanda interposta pola Fiscalía Superior de Galiza, apoiando as súas pretensións". "Tamén podería ter empregado todas as competencias das que dispón en materia de consumo", engadiu. "E non fixo nada disto", censurou. Ademais, criticou que a Xunta de Galiza non abrira ningún expediente sancionador a ningunha entidade que comercializou preferentes e subordinadas. Nesta liña, salientou que "o Sr. Feijóo deulles as costas aos galegos e galegas e púxose do lado da banca".
O BNG levou ao Parlamento e ao Congreso un total de 22 inciativas en defensa das persoas afectadas polas preferentes
Nesta liña, a número 3 pola Coruña, Ana Luísa Bouza, deu conta das reclamacións que levarán os e as nacionalistas aos Plenos das Corporacións Municipais da comarca. Explicou que o BNG solicitará que a Xunta de Galiza interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra o RD Lei 24/2012, do 31 de agosto, e que se persone na demanda interposta pola Fiscalía. Tamén pedirá o BNG que o Goberno do Estado exclúa as persoas aforradoras con preferentes ou subordinadas das quitas ou canxes obrigatorios previstos neste decreto e que a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado garantan a devolución íntegra do investido en preferentes e subordinadas.
Bouza salientou que, desde novembro do ano pasado, o BNG levou ao Congreso un total de catro iniciativas e outras 18 ao Parlamento de Galiza. "Nestas iniciativas pediamos que se lles dera unha solución políticas ás persoas afectadas polas preferentes e que se lles tratase como aforradores, e non como investidores", expuxo. Porén, a nacionalista advertiu de que "os peores augurios se fixeron realidade: a quita, que suporá que as persoas con preferentes poidadan quedar sen o 70 por cento dos seus depósitos".
A intervención de Jorquera no Congreso, censurada polos medios de comunicación públicos
Sobre o debate da convalidación deste RD Lei 24/2012, Bouza lembrou o voto en contra do BNG e criticou que a intervención de Francisco Jorquera for censura polos medios de comunicación públicos de Galiza. "O noso candidato á Presidencia da Xunta de Galiza levou ao Congreso a postura que debería manter o Goberno galego, que preferiu dárlle as costas aos aforradores para darlle a man á banca", concluíu.