O BNG inicia unha campaña en defensa dos camiños de ferro
A Coruña, 14 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e a responsábel comarcal, Silvia Seixas, anunciaron esta mañá o inicio dunha campaña que reivindica o tren como medio de transporte. Baixo o lema "Pola defensa dos camiños de ferro na Galiza e na Coruña", a formación nacionalista repartirá material informativo e recollerá sinaturas contra os plans do Goberno central que, coa escusa da crise, pretende reducir servizos ferroviarios, para esixir a mellora das infraestruturas e para reclamar a transferencia dos servizos ferroviarios á Xunta de Galiza. O vindeiro sábado, 22 de setembro, terá lugar o principal acto da campaña, cando o BNG volverá subirse no tren desde A Coruña e Ferrol para confluír en Betanzos.
En declaracións aos medios, a responsábel comarcal reivindicou o uso do ferrocarril como transporte público, tanto para o presente como o futuro, para solucionar a conxestión crónica da Coruña e da comarca. "Mentres no BNG apostamos por un servizo de proximidade por vías de ferrol, outros prefiren as estradas, cun modelo de mobilidade insostíbel que leva á destrución do patrimonio", sinalou. Silvia Seixas concluíu chamando a cidadanía a participar no acto central de Betanzos e a contribuír coas súas sinaturas para a mellora dos servizos que presta Renfe.
Pola súa banda, Carril, que lembrou que o BNG das comarcas de Coruña e de Ferrol, levan realizando, estes últimos dous anos, campañas en defensa do tren, nomeadamente do servizo de cercanías, puxo de manifesto que "como consecuencia de ter que pagar o rescate da banca, antes do verán publicouse o real decreto 22/2012, de 20 de xullo, que implica a privatización de Renfe, que se converterá en catro empresas diferentes de cara á liberalización do sector en 2013".
O portavoz do BNG no Concello da Coruña expuxo que unha das disposicións finais desta norma recolle que o 31 de decembro se coñecerán os estudos que determinan os tramos que non son viábeis economicamente, para, a continuación, seren eliminados. "No caso da Coruña, esta disposición implicará o peche da liña A Coruña-Ferrol e A Coruña-Monforte", preveu. "Non hai que atender á rendibilidade económica do tren, senón á rendibilidade social, especialmente, en época de crise", engadiu.
Malia o incremento das tarifas e as escasas frecuencias, aumenta o número de persoas usuarias do tren A Coruña-Ferrol
Carril advertiu de que, malia a duración do traxecto que une A Coruña con ferrol, 1h 15 min, "case tanto como percorrer Madrid-Valencia"; malia o prezo, 5,75 euros; malia as poucas frecuencias; só 5 os días laborábeis, os usuarios e usuarias non deixan de incrementar. Precisamente, os últimos datos indican que máis de 80.000 viaxeiros e viaxeiras empregaron empregaron esta conexión no 2011, un 25 por cento máis que no 2008.
Ademais, o portavoz do BNG no Concello da Coruña apostou por potenciar o transporte ferroviario de proximidade, un transporte barato e cómodo. "Lembremos que, no caso da Coruña, as vías de ferro unen a cidade cos concellos da comarca e cos puntos estratéxicos: os polígonos industriais, o Campo de Elviña e o porto, até chegar ao centro da cidade, a Praza de Ourense", expuxo.
Tamén aludiu Carril ao caso do porto exterior e insistiu en reclamar as infraestruturas ferroviarias para este novo equipamento, "coa conexión de Punta Langosteira a través dos camiños de ferro o porto sería máis competitivo", sinalou. Advertiu de que un dos elementos básicos para que a UE financie Punta Langosteira é a conexión por tren, que está no aire. Precisamente, o PP rexeitou unha emenda presentada polo BNG aos orzamentos do Estado na que reclamaba aumentar en 8 millóns de euros os ridículos 233.000 euros cos que o Goberno central dotou un novo estudo informativo sobre as conexións ferroviarias ao porto exterior.
Acto central da campaña: sábado 22 de setembro, en tren a Betanzos
O acto central desta campaña iniciada polo BNG terá lugar o vindeiro sábado, 22 de setembro, ás 18.30 horas no Cantón de Claudino Pita, en Betanzos, coas intervencións do candidato á Presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, e do tamén candidato pola Coruña e portavoz municipal en Betanzos, Henrique del Río.
Para o desprazamento a Betanzos, onde confluirán coas persoas chegadas en tren desde Ferrol, os e as participantes sairán da Coruña no tren das 17.30h.
A recollida de sinaturas: Mellora nos servizos de media distancia, potenciación das infraestruturas e transferencia das competencias
Coa recollida de sinaturas, que o BNG enviará á Xunta de Galiza e ao Goberno central, reclamarase mellorar os servizos de media distancia actuais (tanto en número de frecuencias como en material rodante). Abaratar as tarifas e executar un plan de mellora da infraestrutura (como o traspase en Betanzos), co fin de reducir o tempo de viaxe entre A Coruña e Ferrol.
Ademais, pídese potenciar as infraestruturas ferroviarias coa posta en servizo das vías de ferro que atravesan as distintas localidades da comarcas e pasan polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña e polo porto e chegan ao centro da Coruña.
Tamén se solicita demandarlle á Xunta e ao Goberno do Estado o inicio das negociacións para transferir as competencias en materia ferroviaria nos devanditos corredores á Galiza, co financiamento e os medios axeitados, para creación dunha Compañía Ferroviaria Pública Galega.