O BNG pide a devolución dos orzamentos por non crear emprego nin benestar social
A Coruña, 20 decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG defenderá no pleno deste luns a devolución dos orzamentos municipais de 2015 por renunciar, máis un ano, á creación de emprego, á acadar o benestar social e a acometer melloras que respondan ás necesidades dos barrios. Precisamente, nas reclamacións aos orzamentos as nacionalistas dedícanlle aos barrios un apartado específico co fin de que o Goberno do Sr. Negreira destine 6 millóns de euros para levar a cabo as necesidades máis básicas que presentan os barrios. Para elaborar as demandas máis solicitadas pola veciñanza, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e as concelleiras nacionalistas mantiveron reunións con distintas entidades veciñais, que lle transmitiron as carencias que presentan os barrios dado o abandono ao que se ven sometidos polo Goberno do Sr. Negreira.
Tal e como recollen nas reclamacións, as nacionalistas solicitan a devolución das contas municipais de 2015 por recolleren máis investimentos pola vía do empréstito que non se dirixen á creación de emprego, ao benestar social nin aos barrios e que implican un medre da débeda e da carga financeira que ten que aturar o Concello. Neste apartado, as nacionalistas critican os 10,59 millóns de euros destinados ao dispendio das obras da Mariña-O Parrote, que zugan o 21% dos investimentos do Concello e o 86% do empréstito. Neste contexto, o BNG propón que o empréstito pase dos 12,37 millóns a 6 millóns, uns cartos que se destinarían de xeito íntegro a acometer melloras nos barrios.
Tamén reclaman a devolución dos orzamentos na medida en que recollen ingresos patrimoniais de 5,5 millóns dos dividendos de Emalcsa, uns cartos procedentes do encarecemento do recibo da auga e da redución das reservas voluntarias da empresa municipal. Así, o BNG pide que o Concello contabilice só como ingresos patrimoniais 816.168 euros como dividendos de Emalcsa para destinar 2 millóns de euros a rebaixar o prezo da auga e 1 millón para financiar a débeda financeira de Emalcsa. Amais, co fin de non descapitalizar Emalcsa, o BNG propón que tampouco figuren como ingreso patrimonial os 1,68 millóns euros das reservas voluntarias. En consecuencia, as nacionalistas solicitan a diminución de partidas como a de publicidade e propaganda relacións públicas, protocolo, reunións ou conferencias e congresos e propoñen suprimir os convenios coa Fundación María José Jove, coa Deputación da Coruña, coa Fundación Abanca e co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, así como os gastos de mantemento e conservación de espazos urbanos do porto, froito do convenio coa Autoridade Portuaria.
Ademais, o Bloque pide a devolución das contas porque non teñen como prioridades a creación de emprego e de benestar social. Neste capítulo, as nacionalistas censuran a conxelación de partidas de Emprego e Empresa e aposta polo investimento nos sectores produtivos, capaces de crear postos de traballo de calidade. Tamén critican segue as contas dos Servizos Sociais, que seguen a discriminar a cooperación internacional e segue sen darlles solución ás 140 familias que viven nos poboados precarios da Pasaxe, das Rañas e do Portiño. Neste apartado, o Bloque volve reprobar as subvencións municipal á Compañía de Tranvías e volve reivindicar a revisión da concesión e da fórmula para o cálculo do billete.
A externalización da actuación municipal, nomeadamente en EMVSA e en Emalcsa, é outro dos motivos polos que o Bloque exixirá no pleno a devolución dos orzamentos municipais de 2015.
Máis cartos para benestar social, emprego e barrios
Tal e como recolle no documento das reclamacións, o Grupo Municipal do BNG pedirá en pleno o acrecentamento das partidas de asistencia ás persoas dependentes, de emerxencia social, de promoción social, de reparación nos CEIP, de fomento do emprego, de dinamización do comercio e dos mercados municipais. Ademais, o BNG propón un plan plurianual de erradicación da vivenda precaria, a construción dunha nova escola infantil, unha subvención para proxectos de cooperación internacional e unha liña de axudas para reactivar o comercio de proximidade.
Ademais, as nacionalistas recollen perto dun cento de actuacións a acometer nos barrios de Novo Mesoiro, Mesoiro e Vío, nas Xubias, no Castrillón, en Eirís, en Visma, no Ventorrillo, Silva, Cances, Moura e Penamoa, no Portiño, na Gaiteira, Oza e Os Castros, en Palavea, no Birloque, O Martinete e Someso, en Labañou, en Nostián, en Feáns, en Bens, nos Rosales, na Cidade Vella, en San Vicenzo de Elviña, no Barrio das Flores ou en Santa Margarita. Todas estas reclamacións relacionadas cos barrios son consecuencia das numerosas xuntanzas do Grupo Municipal do BNG con entidades veciñais.