O BNG recolle nas reclamacións aos orzamentos máis dun cento de propostas para barrios
A Coruña, 25 decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Partido Popular persista na idea de separar A Coruña en dúas cidades: a do Parrote-A Mariña, enriquecida, elitista e excluínte, fronte á cidade dos barrios, cada día máis abandonados polo desprezo ao que se ven sometidos por parte do Goberno do Sr. Negreira. A sesión plenaria de decembro foi un bo exemplo de cómo concibe o Goberno do PP a cidade, ao aprobar uns orzamentos que recollen só para 2015 10,59 millóns de euros para o dispendio de obras na Mariña e que renuncian a investir máis de 6 millóns de euros nas necesidades básicas que presentan os barrios.
Froito das numerosas reunións que mantivo o Grupo Municipal do BNG con diferentes colectivos veciñais ao longo da cidade, as nacionalistas recolleron nas súas reclamacións aos orzamentos máis de un cento de propostas para mellorar os barrios, cada día máis abandonados. Entre as moitas iniciativas incluídas nas reclamacións do BNG, que veñen ser as reclamacións da veciñanza, atópanse obras tan básicas como a colocación de varandas de protección nos parques infantís próximos ás rotondas da avenida Novo Mesoiro, a construción dunha mediana separadora da calzada na rúa Illas Sisargas e na avenida Novo Mesoiro, a iluminación da pista de terra do parque de Novo Mesoiro, a execución da urbanización da praza Fariño Ferreño do Castrillón, así como das rúas Vicente Aleixandre e Monte das Moas, a mellora da iluminación do casco vello de Eirís de Abaixo ou a reorganización e mellora da iluminación da Madosa.
Tamén pedían as nacionalistas, a instancias da veciñanza, construír unha rede de sumidoiros da rúa Cal de Moreiras en Visma, soterrar o transformador de media tensión que está en fronte do centro veciñal de Visma, mellorar a iluminación en Cances e na Moura e acondicionar e limpar Penamoa, construír beirarrúas e pavimentar as calzadas no Portiño, así como iluminar O Portiño de xeito acaído e dotalo dunha boca de incendios, mellorar a iluminación na avenida de Oza e en Vales Villamarín, nos Castros, limpar e acondicionar o solar abandonado do Corralón, pavimentar as rúas e construír beirarrúas en Palavea, así como mellorar os accesos ao barrio, construír beirarrúas no Martinete e Someso e mellorar a mobilidade peonil nestes mesmos lugares.
Ademais, o BNG recolleu, entre moitas outras, arranxar por asolagamentos continuos o local municipal que ocupa a asociación veciñal de Labañou, separar as augas pluviais das fecais nalgunhas zonas deste barrio, construír beirarrúas entre Nostián, Meicende e a parada de bus de San Xosé, limpar os camiños veciñais e mais pintar os pasos de peóns de Feáns, acometer a recollida de pluviais en Bens e asfaltar o camiño e a fonte de Comeanda, asfaltar o camiño que vai á canceira, cubrir un espazo da praza Elíptica (nos Rosales) con toma de luz e auga
Entre outras actuacións a acometer noutros barrios, destacan a trintena de necesidades básicas que presentan As Xubias e que recolleu o BNG nas reclamacións aos orzamentos. Así, as trinta propostas tratan a seguridade viaria, a necesidade dunha parada de bus próxima ás Xubias de Abaixo, o pintado e sinalización da vía, o amaño do pavimento e a mellora da iluminación, a limpeza e roza de fincas, a desratización, a limpeza de colectores do lixo, o mantemento e a poda das árbores do parque infantil ou o cambio de sumidoiros. Precisamente, as nacionalistas xa recolleran estas necesidades básicas da veciñanza das Xubias nunha moción presentada no pleno de novembro e que non puido ser debatida ao impedilo o Partido Popular.