O BNG levará a Pleno unha moción para fomentar o tren e contra o peche de servizos ferroviarios
A Coruña, 3 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno do luns unha iniciativa para a protección e o desenvolvemento do transporte ferroviario desde A Coruña, moción elaborada conxuntamente coa Sección Ferroviaria da CGT tras os encontros de traballo mantidos entre responsábeis do BNG e do sindicato.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, reclamaralle ao Goberno do Sr. Negreira que o Concello da Coruña loite por un transporte ferroviario colectivo, público e eficaz, onde as traballadoras teñan unhas condicións de traballo dignas e onde a sociedade poida gozar dun servizo ferroviario que de calidade e que garanta a seguridade. Instarase, así, as direccións técnicas e políticas ao mantemento dun servizo público, seguro, social e efectivo.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG pedirá que se abran as canles de diálogo necesarias con todos os interlocutores sociais implicados para que se poidan achegar propostas relevantes co obxectivo de mellorar o servizo no transporte ferroviario e sempre na defensa do tren e dos camiños de ferro como interese público. Tamén reclamará o BNG que se manteñan os actuais servizos ferroviarios que Renfe presta na nosa cidade e que se soliciten políticas de fomento do tren de proximidade e media distancia.
Carril expón no texto da moción que o Real decreto lei 22/2012, do 20 de xullo, polo que se adoptan medidas en materia de infraestruturas e servizos ferroviarios, formula a supresión do Feve e a súa integración nas entidades Renfe-Operadora e Adif; a división de Renfe-Operadora en catro sociedades mercantís, unha das cales ten como obxecto o arrendamento e, no seu caso, venda de material ferroviario e instalacións; a liberalización do servizo ferroviario de pasaxeiros ao 31 de xullo de 2013, a clausura de liñas e peche de estacións que se consideraren economicamente non rendíbeis e a desaparición dos servizos que o Consello de Ministros decida excluír da consideración de obrigas de servizo público.
O portavoz nacionalista advirte de que a única finalidade é entregarlles ás construtoras a xestión das liñas rendíbeis mediante o sistema concesional e achegas públicas para garantir beneficios, e deixar no Adif "malo" o resto de liñas para facilitar peches e liquidacións.
Desaparecen as paradas de Cambre, Cecebre e Oza dos Ríos
A respecto dos servizos ferroviarios considerados obriga de servizo público, o Ministerio planea eliminar aqueles que non alcancen o 15% de ocupación e as estacións con menos de 1 viaxeira ao día e reducir a un servizo por sentido as de menos de 5 viaxeiras ao día. E isto, malia que a maioría destas estacións teñen parada facultativa polo cal os trens de media distancia que pasan tan só paran en función de que existan viaxeiras. Estas ameazas supoñen para Galiza aumentar o illamento dun bo número de lugares.
Carril critica que mentres o Goberno gasta miles de millóns de euros nunha rede de alta velocidade que dá servizo unicamente as grandes poboacións para unir Madrid co resto do Estado, o resto dos trens van desaparecendo. Concretamente, na nosa comarca vanse ver reducidos os servizos ferroviarios en Cambre, Cecebre e Oza dos Ríos.
O BNG e a CGT reivindican que o servizo ferroviario siga a ser público e responda ás demandas do conxunto da sociedade
O Grupo Municipal do BNG e a Sección Ferroviaria da CGT en Galiza reivindican que o servizo ferroviario siga a ser público e que responda ás expectativas e demandas de mobilidade do conxunto da sociedade, cuns servizos satisfactorios e unhas tarifas alcanzábeis e, por suposto, garantindo a seguridade fronte a calquera outro criterio.