O BNG exalta a vixencia das reivindicacións de soberanía dos mártires de Carral

O BNG exalta a vixencia das reivindicacións de soberanía dos mártires de Carral

A Coruña, 24 de abril de 2013.- O secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, e o responsábel comarcal do BNG na Coruña, Paulo Carballada, presentaron en rolda de prensa esta mañá o acto político de conmemoración da data histórica do 26 de abril de 1846, día en que fusilaron en Carral os denominados mártires da liberdade, nun levantamento que foi un fito na conformación histórica da Galiza actual. “Con este acto queremos recuperar a nosa memoria, a historia roubada, co fin de proxectar no presente o heroísmo, a dignidade e o sacrificio de pasadas xeracións, que deron a súa vida á nobre causa da liberdade de Galiza”, puxo de manifesto Bieito Lobeira, quen advertiu de que “lonxe de recreármonos no pasado, o BNG quere pór en evidencia a vixencia das reivindicacións que hai 167 anos conduciron ao fusilamento dos mártires de Carral”.

 

O secretario de Organización do BNG expuxo que no 1846 as persoas que deron a súa vida por Galiza xa advertían de que a nación seguía a ser unha colonia da Corte, ao igual que o é hoxe en día, unha “colonia ao servizo da oligarquía financeira e das decisións políticas que se adoptan polo Estado español, unhas políticas que cercenan a capacidade produtiva, impiden o libre desenvolvemento de Galiza e provocan efectos devastadores punto vista social”.

 

Así, sinalou que “as políticas do PP no Estado e en Galiza, como criados das directrices comunitarias e do FMI, están a provocar, miseria e empobrecemento, desemprego, emigración e sobreexplotación no posto de traballo, degradando as condicións vida das galegas con procesos de recorte e privatización de servizos públicos esenciais”. Tamén cargou contra a banca, que lle “rouba ao pobo os seus aforros e que non ten escrúpulos para expulsar familias”, unha banca amparada polos gobernos español e galego”.

 

“O BNG, hoxe, como hai 167 anos, reivindica soberanía, capacidade para decidir, para organizar vida e para pór o país a funcionar, a producir e a xerar riqueza e emprego”, salientou. Lembrou que Galiza é un país rico e que unha Galiza soberana sería quen de, sen limitacións, poder producir e xerar emprego”. Despois de cualificar como caduco o Estado español, que non ten finalidade positiva para Galiza, puxo de manifesto que o BNG chamará o 28 de abril en Carral a construír conciencia nacional. Finalizou lembrando que o nacionalismo en Galiza “non é un capricho de hoxe, senón que ten século e medio” e que o pobo galego está caracterizado polo heroicismo, por non resignarse e por resistir.

 

Un acto político de carácter nacional e con vontade de o converter nunha cita ineludíbel do BNG

 

Pola súa banda, Paulo Carballada debullo o acto político que terá lugar este domingo en Carral para conmemorar un levantamento que tivo como obxectivo a rebelión de Galiza contra as medidas centralizadoras e retrógradas no social dos gobernos do momento, unha revolución progresista no social e nacionalista que xurdiu en Lugo e se estendeu ao longo do país.

 

O acto, de carácter nacional, contará coa participación do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, da membro do Consello Nacional, Vitoria Louro, e da membro de Galiza Nova da Coruña, Alba Sánchez. Segundo expresou Carballada, o BNG ten a vontade de facer deste acto unha cita anual ineludíbel para a formación frontista.

O BNG exalta a vixencia das reivindicacións de soberanía dos mártires de Carral