PP e PSOE impiden que o Concello se persone contra Paco Vázquez polo caso Someso
A Coruña, 6 de maio de 2013.- Tanto os Grupos Municipais do PP como do PSOE impediron que o Concello da Coruña se persone, como acusación particular, no procedemento abreviado número 4918/2011, promovido contra os ex alcalde Francisco Vázquez polas súas actuacións en Someso, ao non permitir o debate da moción (o PP abstívose e o PSOE votou en contra do debate) presentada polo Grupo Municipal do BNG ao respecto.
Así, o PP e PSOE impediron que o Concello se persone na causa contra Paco Vázquez malia que o Xulgado de Instrución número 3 da Coruña acordou a apertura de dilixencias previas en contra o ex alcalde por feitos que o propio informe municipal de 15 de xuño de 2012, alén de acreditar a súa existencia, cualifica como ilegalidades e infraccións do ordenamento xurídico pola venda directa (sen obrigado concurso público) do aproveitamento municipal.
O PP e PSOE impediron que o Concello se persone na causa contra Paco Vázquez malia que o Xulgado de Instrución número 3 da Coruña está a investigar se esta venda ilegal do aproveitamento urbanístico do Concello da Coruña á Xunta de Compensación do Sector 7 trae causa das relacións que o Sr. Vázquez, nese momento alcalde da Coruña, e o Sr. Fontenla, presidente da Xunta de Compensación do Sector 7, tiñan a través da Sociedade Iglevaz, S.L. Esta sociedade foi creada polo Sr. Fontenla no 1998, da que é administrador único até xaneiro de 2003, que é cando pasa a ser administrador solidario coa Sra. De la Iglesia, esposa do Sr. Vázquez, até 2007. De feito, apuntou, o nome Iglevaz, procede da unión dos apelidos conxugais Iglesia e Vázquez. O entón alcalde da Coruña acordara (co seu voto a favor na Xunta de Goberno Local de 30 de setembro de 2005, na que se procede á aprobación definitiva do proxecto de compensación) a venda de patrimonio municipal en Someso sen concurso- á Xunta de Compensación do Sector 7, presidida polo Sr. Fontenla, que era administrador da sociedade familiar Iglevaz, S.L.
É unha mágoa que o Goberno do Partido Popular limite a súa actuación á remisión de toda a documentación requirida polo Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, malia ser, como ben sabe o Goberno municipal, unha obriga municipal derivada do cumprimento do seu deber inescusábel de colaborar coa Xustiza. Alegar para non comparecer como acusación particular que non convén facer xuízos precipitados non casa de ningunha maneira coas conclusións claras e contundentes do informe municipal a respecto das irregularidades cometidas en Someso. Ponse de manifesto, unha vez máis, que o Goberno municipal estaría máis interesado en protexer os intereses do ex alcalde Paco Vázquez e das grandes construtoras beneficiadas de tales irregularidades que en protexer os intereses xerais e patrimoniais da cidadanía e do Concello da Coruña como Administración pública.
O PP non permite debater a moción para declarar persoas non gratas os deputados que votaron a favor da quita ás preferentes
Pola outra banda, o Goberno municipal tampouco permitiu o debate da moción do BNG para declarar "persoas non gratas" os deputados e deputadas do PP que aprobaron a quita das participacións preferentes, entre os que se atopa o ex concelleiro da Coruña, Juan De Dios de Ruano, número 5 da lista do Sr. Negreira, e outros 14 deputados e deputadas do PP que votaron a favor da validación do Real Decreto-Lei 6/2013, que regula o mecanismo que permite a quitación e o posterior troco en accións de nula solvencia.
Ademais, as nacionalistas defendían na moción que o Concello da Coruña rexeitase o Real Decreto 6/2013 que autorizou as quitas e os canxes, que supoñen a perda do 43% dos aforros.
O PP tomba a moción presentada polo BNG para a protección e o desenvolvemento do transporte ferroviario desde A Coruña
Tamén tombou o PP a moción do BNG para a protección e o desenvolvemento do transporte ferroviario desde A Coruña, iniciativa elaborada conxuntamente coa Sección Ferroviaria da CGT tras os encontros de traballo mantidos entre responsábeis do BNG e do sindicato.
As nacionalistas reclamaban que o Concello da Coruña loitase por un transporte ferroviario colectivo, público e eficaz, onde as traballadoras teñan unhas condicións de traballo dignas e onde a sociedade poida gozar dun servizo ferroviario que de calidade e que garanta a seguridade. Instaban, así, as direccións técnicas e políticas ao mantemento dun servizo público, seguro, social e efectivo.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG pedía que se abrisen as canles de diálogo necesarias con todos os interlocutores sociais implicados para que se puidese achegar propostas relevantes co obxectivo de mellorar o servizo no transporte ferroviario e sempre na defensa do tren e dos camiños de ferro como interese público. Tamén reclamaba o BNG que se mantivesen os actuais servizos ferroviarios que Renfe presta na nosa cidade e que se solicitasen políticas de fomento do tren de proximidade e media distancia.