O BNG denuncia que o Goberno non apremia a Xunta nin promotoras a pagar as cotas do Ofimático
A Coruña, 8 de abril de 2013.- Na sesión plenaria desta mañá, o Grupo Municipal do BNG abstívose na votación da aprobación definitiva do Estudo de Detalle para o reaxuste de rasantes dos viarios no ámbito do Sector 10, do Parque Ofimático. O portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto na súa intervención que o Estudo de Detalle do Ofimático ten como finalidade declarada o reaxuste de rasantes; isto é, adaptar a obra urbanizadora dos viarios ao perfil do terreo, de modo que se adaptan as rasantes ao terreo, mais incrementando as pendentes para non ter que executar tantos movementos de terras e aforrar custos económicos. Este estudo de detalle, advertiu Carril, está a modificar o plan parcial. Por iso, puxo de manifesto que debería modificarse necesariamente o proxecto de urbanización e modificar o contrato adxudicado, na medida en que teñen como referente o proxecto de urbanización coas rasantes do plan parcial.
Ademais, o portavoz do BNG no Concello da Coruña sinalou que as obras de urbanización xeral (sistemas, dotacións, equipamentos, infraestruturas, zonas verdes, accesos...) non poden executarse por falta de financiamento. Así, cando finalicen as obras dos edificios, o Concello non poderá outorgar licenza de primeira ocupación, precisamente, porque as obras de urbanización non están finalizadas. Carril salientou que non ten sentido o outorgamento de licenzas sen estar garantida a execución do conxunto da urbanización por parte do Concello, obras que non se acometeron pola falta de financiamento, ao non cobrárense as cotas de urbanización.
O portavoz nacionalista botou man dos datos da liquidación dos orzamentos de 2012 para advertir de que só se cobraron 45.285 euros dos máis de 9 millóns de euros previstos en cotas de urbanización; é dicir, o Concello só recadou neste concepto o 0,5%.
Carril denuncia a dupla vara de medir do Goberno municipal no Ofimático: contundencia contra as persoas desaloxadas e nula firmeza coa Xunta e cos promotores para que paguen as cotas
Ademais, Carril evidenciou a dupla vara de medir do Goberno municipal no Ofimático. Así, denunciou que mentres o Goberno do Sr. Negreira actúa con contundencia contra as persoas desaloxadas, coa Xunta de Galiza e cos promotores non procede nin pola vía do apremio, nin coa firmeza nin celeridade para que satisfagan as cotas urbanísticas que lles corresponden.
De feito, o portavoz nacionalista deu a coñecer o "Decreto Directivo referente á solicitude de autorización xudicial de entrada nas vivendas e edificacións sitas nas parcelas de orixe número 270, 271, 279, 280, 282, 283, 284, 301 e 313 B do proxecto de equidistribución do sector de solo urbanizábel S-10 Parque Ofimático", é dicir, a orde de desaloxo, anotado no libro de resolucións da Alcaldía a 28 de febreiro de 2013.
Contrapuxo esta contundencia contra as persoas desaloxadas coa inacción do Goberno municipal á hora de exixir o pago das cotas. Así, lembrou que o Concello, como Administración encargada de executar as obras de urbanización, ten a obriga de adoptar todas as medidas legais para garantir o pago das cotas, que son as que financian os custos de urbanización, tanto respecto dos promotores como da Xunta de Galiza. O artigo 189 do RD 3288/1978, de 25 de agosto, polo que se aproba o regulamento de xestión urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei sobre réxime do Solo e Ordenación urbana, que no seu apartado 2, sinala que a Administración poderá proceder á exacción das cotas pola vía de apremio.
O BNG pide cobrarlle taxas polos servizo de telefonía móbil ás operadoras que sexan titulares das redes
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG votou a favor de facultar os letrados municipais para solicitar o arquivo de actuacións xudiciais en distintos recursos promovidos contra a ordenanza fiscal reguladora da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público por empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil. Na súa intervención, o portavoz nacionalista sinalou que non podemos quedarnos só co arquivo destas actuacións xudiciais e pediu ir máis alá, apelando á necesidade de cobrarlles as taxas aos titulares das redes e de cuantificar a taxa.
Así, puxo de manifesto que nin o Tribunal de Xustiza da Unión Europea nin o Tribunal Supremo impiden que se cobren taxas polos servizos de telefonía móbil ás operadoras que sexan titulares das redes. Por iso, Carril reclamou a modificación da ordenanza municipal, deixando clara que a taxa debe impoñerse, unicamente, aos titulares das redes e estabelecendo criterios de cuantificación da taxa sen relación aos ingresos ou cota de mercado. Para facer posíbel a modificación da ordenanza, o portavoz do BNG solicitou constituír unha comisión de traballo para mudar a normativa nos termos sinalados.
O BNG anuncia que presentará alegacións para mellorar a ordenanza de verquidos
Ademais, o Grupo Municipal do BNG abstívose na aprobación inicial da ordenanza de vertidos e do servizo municipal de saneamento do Concello da Coruña, dado que, tal e como anunciou Carril, as nacionalistas presentarán alegacións para mellorar a norma. Precisamente, o concelleiro de Medio Ambiente agradeulle ao BNG as propostas que lle foron transmitidas polo portavoz nacionalista na Comisión Informativa de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que tivo lugar o pasado xoves.
Carril, que advertiu de que non se trata dunha ordenanza supramunicipal, porque non hai ningunha estrutura supramunicipal que a sustente (non está constituída a área metropolitana e porque o Concello da Coruña non forma parte do Consorcio das Mariñas), apelou á necesidade de insistir sobre as infraccións e sancións no referente aos vertidos.