Raúl Fernández, reelixido responsábel local do BNG na Coruña

Raúl Fernández, responsábel local do BNG
Raúl Fernández, reelixido responsábel local do BNG na Coruña

A Coruña, 5 de abril de 2013.- A Asemblea Local da Coruña, orgáno soberano do BNG na localidade da que forman parte todas as militantes, aprobou na tarde de onte o novo Consello Local co 97% a favor e o 3% de abstencións, un Consello Local que encabeza, por segunda vez, Raúl Fernández, que agradeceu a vontade de integración de todas as sensibilidades que caracterizan o BNG. E é que a lista aprobada, unitaria, está formada por persoas independentes e de todas as correntes que existen na organización frontista.

Forman parte do novo Consello Local homes e mulleres todos os eidos sociais, ecoloxismo, feminismo, movemento cultural, movemento sindical... e de todos os barrios da cidade. Trátase, segundo explicou o propio responsábel local, dunha lista que combina a experiencia política, tanto pola participación destas persoas en diferentes órganos da formación frontista como pola súa participación en diferentes listas electorais, coa incorporación de xente nova.

As prioridades do Consello Local: xeración de emprego, defensa dos servizos públicos e mobilidade

Raúl Fernández, enxeñeiro en Informática, até o de agora coordinador da Comisión Nacional da Sociedade da Información do BNG e persoa moi vinculada cos movementos sociais e á Administración local, coordinou a elaboración do programa das eleccións municipais e formou parte da candidatura encabezada por Xosé Manuel Carril. Na súa intervención na asemblea local que tivo lugar na tarde de onte puxo de manifesto que o novo Consello Local traballará polos dereitos da inmensa maioría das coruñesas, sobre as que o PP fai recaer a crise, mentres lles dá negocios e agasallos aos seus amigos na nosa cidade.

Ademais da rotunda defensa dos servizos públicos, “tan atacados hoxe polo Partido Popular, o BNG afanarase na Coruña, cidade con 24.282 persoas no desemprego, en loitar pola creación de postos de traballo e por resolver o problema de mobilidade mediante o impulso do transporte público”. Aludiu Raúl Fernández á desertización industrial da nosa cidade, afectada polo peche de empresas e de comercios, e ao encarecemento da vida na Coruña por culpa do Goberno do Sr. Negreira, coa escandalosa suba da auga, da contribución (IBI), do bus e co copago en axuda a domicilio. E, todo isto, criticou, acompañado dunha “política de festas do Partido Popular”, dixo en alusión ao gasto de máis de 1 millón nas festas de María Pita, doutro millón no Nadal, de medio millón na Tall Ships Race ou de medio millón nun partido de baloncesto.

Raúl Fernández, que cualificou de ilusionante o período que se abre, transmitiulles ás militantes forza e empeño e “a seguridade que co traballo de todas e todas avanzaremos cara unha cidade máis xusta, máis humana e máis habitábel”. Sinalou que o Consello Local considera fundamental o traballo social, cos movementos cidadáns da cidade da Coruña, coas maiorías sociais e coa xente máis afectada por esta crise orixinada pola globalización neoliberal. Tamén afirmou que o BNG seguirá a traballar na cidade artellado nos grupos de barrio, “alicerce fundamental no traballo diario”, e guiado polo programa electoral, “completamente vixente e amplamente refrendado pola militancia”.

Finalizou Raúl Fernández a súa intervención salientando que o BNG “é a mellor ferramenta para traballar por Galiza e acadar os obxectivos de soberanía nacional e defensa da inmensa maioría do pobo”.

Composición do novo Consello Local

Forman parte do Consello Local elixido onte Raúl Fernández, David Pena, Avia Veira, Isabel Martínez Risco, Eduardo Freire, Dores Martínez, Manuel Monge, Rosa Pena, Xosé Manuel Carril, María Xosé Abeijón, Anxo Sánchez, María Xosé Bravo, Manuel Xaquín Pérez, Luís Dopico e Paulo Carril. De suplentes, Vitoria Louro, Xan Caxigal, Saleta Goi, Alberte Ansede e Pilar G. Negro. A esta lista sumaranse as persoas responsábeis dos grupos de barrio, que serán elixidos pola militancia, e a responsábel local de Galiza Nova na cidade, Alba Sánchez.

 

Raúl Fernández, reelixido responsábel local do BNG na Coruña