A candidatura da Coruña á capital europea da xuventude, un fracaso do Goberno municipal
A Coruña, 11 de abril de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira desmontou esta mañá en rolda de prensa a "pantomima" do Goberno municipal ao redor da candidatura da Coruña a Capital Europea da Xuventude, título nominativo que se lle concede ás que dan prioridade á participación e empoderamento da mocidade. "Non nos estraña que a European Youth Forum descartara xa na primeira selección A Coruña, porque o Goberno do Sr. Negreira, que nos fixo perder unha grande oportunidade, presentou unha candidatura completamente baleira de contido e de orzamento", sinalou a edila do BNG.
Avia Veira lembrou que xa denunciara no seu día que "o Goberno municipal non contou coas mozas da cidade para presentar a candidatura" e que "non tivo en conta as entidades xuvenís da cidade". "De feito, o Goberno do Sr. Negreira fixo pública a presentación o día 20, o mesmo día que remataba o prazo para aspirar a ser Capital Europea da Xuventude, sen darlle opción á mocidade a presentar propostas ou a corrixir eivas", afirmou. "É máis, o Goberno municipal apoiou a candidatura en Fexuga, Federación Xuvenil Galega, que non ten integrada ningunha das asociacións xuvenís que hai na cidade e na comarca", engadiu.
A concelleira do BNG revelou na rolda de prensa desta mañá que a meirande parte das 32 colectivos que forman parte de Fexuga son "entidades pantasma", que carecen de actividade real, e están moi vinculadas á ideoloxía do Partido Popular. "Sen ir máis lonxe, o presidente da Fexuga, Francisco González Mariño, é o concelleiro de Xuventude do PP en Vilagarcía de Arousa", advertiu Veira, quen tamén puxo como exemplos entidades que forman parte da Fexuga e que están presididas por cargos do PP. É o caso da concelleira do PP en Padrón, Elena Romero (presidenta da Asociación Cultural O Vinculeiro C.D. SAR); do concelleiro do PP en Marín, Pablo Novas, (presidente de Axuma); ou número 2 do PP en Dumbría, Manuel Louro, (presidente de Dumbría Xoven). Moitas das asociacións que forman parte da Fexuga, sinalou Veira, están moi vencelladas a cargos das Novas Xeracións do PP e contan con grandes subvencións por parte da Xunta de Galiza.
Ademais, algunhas das entidades que se adheriron á candidatura, son próximas ao Partido Popular e mesmo ao Opus Dei, e, moitas delas, son de fóra da Coruña e da comarca. "Chama a atención que entre as entidades adheridas se atopan asociacións que pouco ou nada teñen a ver coa mocidade, como a Unión Provincial de Pensionistas y Jubilados (UDP) ou a Asociación de Amas de Casa, mentres que non aparecen entidades veciñais nin culturais, nas que si teñen presenza os mozos e as mozas", advertiu. A primeira hora da mañá aínda era posíbel consultar as entidades adheridas na páxina web creada polo Concello da Coruña con motivo da capital europea da xuventude, www.corunacej2016.es. A estas horas, a web deixou de estar operativa.
"O Goberno municipal fai que fai pola mocidade mentres nos vemos obrigadas ao exilio forzoso polas políticas antisociais do PP, que levan a nos contratar por menos de 500 euros ao mes"
Avia Veira sinalou na rolda de prensa que "o fracaso da Concellaría do Sr. Mourelo evidencia, unha vez máis, que o Partido Popular só se dedica a vender fume con propostas ocas só para facer que fai". Deste xeito, acusou o Goberno municipal de "vender propostas baleiras" mentres a mocidade "se ve obrigada ao exilio forzoso, precisamente, polas políticas antisociais do PP".
A concelleira nacionalista transmitiu a total oposición do BNG ao decreto promulgado o 23 de febreiro de 2013 polo Goberno do Sr. Rajoy para a contratación de xente moza. En base a esta orde, o Goberno central outórgalles importantes axudas empresas e menos ingresos na Seguridade Social mediante a contratación de menores de 30 anos con salarios inferiores a 500 euros, en moitos casos, sen dereito á prestación por desemprego. O partido do Sr. Negreira e do Sr. Mourelo permiten facer estes contratos despedindo anteriormente outras traballadoras por calquera causa e mesmo substituíndo unha traballador antiga e maior por varias mozas, precarias e baratas.
Precisamente, o BNG da Coruña participa esta tarde na concentración convocada pola CIG contra as últimas reformas adoptadas polo PP, como este decreto contra a mocidade. A mobilización, á que se sumarán cargos orgánicos e institucionais do BNG, terá lugar ás 20h na Subdelegación do Goberno.