O BNG interésase pola situación irregular dos aparcadoiros municipais
Na quenda de preguntas orais do Pleno de Outubro, a concelleira do BNG Avia Veira interesouse tamén pola situación irregular en que se achan varios aparcadoiros de titularidade municipal. A ese respecto, o portavoz do Goberno Local admitiu que cómpre “pór orde nas concesións” e anunciou que antes de rematar o ano se aprobaría unha instrución para regular todas as concesións municipais, non só a dos aparcadoiros.
A xuízo de Lage, non tería sentido enfrontar a regulación por separado dos aparcadoiros municipais e aprazou esta até o momento en que se aborde a situación do conxunto das concesións municipais. “Hai que planificar e ordenar os distintos usos dos espazos municipais, que teñen distintas formas de xestión (indirecta e directa)”, defendeu.
Por súa parte, Veira denuncia que “temos sete aparcadoiros municipais en situación irregular, ou ben incumprindo as súas obrigas ou ven nun limbo legal”, polo que o BNG avoga por “unha boa política de aparcadoiros que, desde a xestión pública, se faga unica e exclusivamente en interese da cidade, con rebaixa de prezos, garantías para a accesibilidade e oferta de servizos útiles como a recollida de voluminosos ou o deseño de espazos específicos para bicicletas”.