Lage di que o José Cornide está en reestruturación, pero non explica por que carece de dirección desde 2020
O que non explicou o portavoz do Executivo coruñés é por que o Instituto José Cornide está sen dirección desde agosto de 2020 –momento en que presenta a demisión o seu anterior director-, ten a súa web inoperativa e dispón só dunha persoa funcionaria, de modo que cando está de baixa ou pide permiso “o instituto ten que permanecer fechado para o público, o que tamén significa que non está accesíbel para as persoas investigadoras”, denunciou Jorquera.
Lage afirmou que é intención do Goberno Local preservar o patrimonio do José Cornide e reiterou que se acha nun “necesario proceso de renovación”. Non se entende ben como non se pode reestruturar un órgano que non ten dirección.
Jorquera criticou que o Instituto José Cornide sofre a desatención por parte do Concello. O abandono no que se atopa é o que explica “que o Goberno municipal mantivera ocultos os seus informes sobre memoria democrática e que logo se escudasen en que non tiña o refrendo formal do seu padroado”.
“O que non se pode facer é deixar esmorecer o Instituto José Cornide e escudarse logo en que o padroado leva moito tempo sen se reunir porque esa situación é produto do desleixo do Goberno Local”, criticou o voceiro nacionalista.
Na quenda de preguntas orais deste Pleno, a concelleira do BNG Avia Veira interesouse tamén pola situación irregular en que se achan varios aparcadoiros de titularidade municipal. A ese respecto, o portavoz do Goberno Local admitiu que cómpre “pór orde nas concesións” e anunciou que antes de rematar o ano se aprobaría unha instrución para regular todas as concesións municipais, non só a dos aparcadoiros.
A xuízo de Lage, non tería sentido enfrontar a regulación por separado dos aparcadoiros municipais e aprazou esta até o momento en que se aborde a situación do conxunto das concesións municipais. “Hai que planificar e ordenar os distintos usos dos espazos municipais, que teñen distintas formas de xestión (indirecta e directa)”, defendeu.
Por súa parte, Veira denuncia que “temos sete aparcadoiros municipais en situación irregular, ou ben incumprindo as súas obrigas ou ven nun limbo legal”, polo que o BNG avoga por “unha boa política de aparcadoiros que, desde a xestión pública, se faga unica e exclusivamente en interese da cidade, con rebaixa de prezos, garantías para a accesibilidade e oferta de servizos útiles como a recollida de voluminosos ou o deseño de espazos específicos para bicicletas”.
As políticas de prevención da drogadicción que se fan desde o Concello perante o evidente aumento do consumo de drogas na cidade centrou a derradeira das preguntas orais do BNG. Sobre esta cuestión debruzouse Avia Veira cun enfoque “de saúde pública” e non “amarelista nin punitivo”.
Esta cuestión levouna o BNG ao Pleno após termos mantido contactos coa Asociación Cidadá de Loita contra Droga (ACLAD). “Algúns dos datos que nos forneceron son ben reveladores: teñen máis de 13 mil casos abertos e o seu servizo de enfermería está saturado. Porén, ofrecen un servizo completísimo e, ademais, con vontade de o mellorar día a día”. “A comunidade terapéutica de ACLAD está a tope das súas capacidades. E os perfís das persoas usuarias é tremendamente diverso, en idades, profesións e estratos sociais”, estendeuse a concelleira.
Por parte do Goberno Local, a concelleira delegada de Servizos Sociais, Yoya Neira, puxo en destaque que o Concello desenvolve programas de prevención nos ámbitos escolar, familiar e comunitario. E, recollendo a luva dunha proposta feita por Avia Veira, anunciou que “en relación ao programa de Educación na Rúa, está en contratación e sairá en breve”.