PROMOVIDA POR DEFENSA DO COMÚN, VAINA DEFENDER NO PLENO FRANCISCO JORQUERA
Unha moción para presentar a demanda pola Casa Cornide antes de concluír este ano
Non será sen tempo pois, no primeiro pleno ordinario do presente mandato, á altura de setembro de 2019 e a instancias do BNG, a Corporación aprobou unha moción por medio da cal se propuña que o Concello iniciase accións legais para restituír a titularidade da Casa Cornide ao patrimonio público.
“Aprobouse por unanimidade. O 12 de setembro de 2019. Máis de tres anos despois, continúa sen se materializar”, lamenta Jorquera.
E esa demora non ten ningún tipo de xustificación, tampouco técnico-xurídica, sendo que o Concello dispón desde decembro de 2020 dun informe elaborado por expertos en dereito en que se sinalan as vías apropiadas para obter un pronunciamento favorábel por parte dos tribunais. Por se fose pouco, tamén ten o Goberno Local un estudo histórico “que dota de fundamento a reclamación”, remarca Jorquera. “Estudos e informes, por certo, que se intentaron ocultar”, denuncia.
Mandátase tamén á Xunta a que conclúa, igualmente no que fica deste ano, o expediente de declaración do inmóbel como BIC
Os sucesivos anuncios do Goberno Local de presentación da demanda –primeiro antes de rematar 2020, segundo antes de rematar 2021, terceiro antes de rematar 2022- foron sistematicamente incumpridos. “E mentres o Concello non fai os deberes, os Franco non fican parados e a Casa Cornide volve aparecer á venda nun portal inmobiliario”.
É hora, por tanto, de materializar o acordo plenario promovido polo BNG e de formalizar a demanda. Non caben máis demoras, esixe a moción que defenderá Jorquera. Unha iniciativa que demanda tamén que a Xunta conclúa –tamén antes de finalizar 2022- o expediente de declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural, ben como considerar non grata a presenza da familia Franco na nosa cidade –polo seu empeño en continuar co espolio e manter a propiedade da Casa Cornide.
De resto, a moción pide o apoio da Corporación á III Marcha Cívica pola recuperación da Casa Cornide, convocada para o sábado 5 de novembro por Defensa do Común, ben como por distintas asociacións de veciños e colectivos civicos.