O «Foro Movémonos» non serviu para implementar ningunha mellora ou cambio en mobilidade
En resposta escrita o Goberno municipal recoñece que non se ten executado ningunha das conclusións do Foro Movémonos
Demandaramos en maio ao Executivo local que concretaran por escrito cantas das 10 liñas de actuación que se expuxeron durante a celebración deste encontro están xa postas en marcha e en que zonas da cidade xa se teñen implementado mais o propio executivo da Marea non pode indicalas
Temos denunciado máis dunha vez que non se ten realizado ningunha actuación que transforme a mobilidade desde o comezo de mandato, polo que non nos sorprende as respostas recibidas desde a Área. Mais o que si nos chama poderosamente a atención e que, desta volta, se artellou unha xornada para trazar unha folla de ruta que non se está cumprindo e, o que máis nos preocupa, non hai interese por levar a cabo as súas conclusións. O Goberno da Marea carece da valentía necesaria para implementar cada unha das 10 liñas de actuación anunciadas, na maioría de xestión directa do Goberno, e que non necesitarían pasar polo Pleno, polo que dubidamos moito que nalgún momento o Foro Movémonos buscase ser un punto de encontro para abordar en serio a problemática da mobilidade na nosa cidade. Preguntámonos, pois, para que se desenvolveu este «foro ou xornada», alén de ser un evento propagandístico pagado por todas e todos nós