MOBILIDADE

O Goberno da Marea Atlántica pensa só na Compañía de Tranvías para a xestión dos buses na Coruña

Buses da Compañía de tranvías diante do edificio do Concello
Buses da Compañía de tranvías diante do edificio do Concello

É incomprensíbel que o Goberno municipal só baralle dúas opcións, ambas en beneficio da Compañía de Tranvías, a respecto do transporte urbano colectivo

Demandamos ao Executivo da Marea Atlántica que aplique de xeito inmediato a recomendación da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e notifique á Comisión Europea a situación para que avalíe a posíbel existencia de axudas do Estado incompatíbeis coa legalidade europea

O debate principal non se debe dar a respecto do prezo do bus se non na concesión en si, por ter sido lesiva ás arcas do Concello, e permitir o beneficio privado da Compañía de Tranvías garantindo sempre superávit a conta dos orzamentos municipais, e lamentamos que en ningún momento o Executivo da Marea Atlántica teña formulado como posibilidade a xestión pública municipal

Parécenos lamentábel que a volta xa dun ano e medio desde que se tomou a decisión de dar por rematada a concesión en virtude de aplicar o Regulamento (CE) 1370/2007 o executivo da Marea Atlántica sega ancorado nas mesmas alternativas que as formuladas na Xunta de Goberno onde se tomou a decisión o que amosa que non ten plan de seu para o transporte urbano colectivo para a cidade

O Goberno da Marea Atlántica pensa só na Compañía de Tranvías para a xestión dos buses na Coruña

É incomprensíbel que o Goberno municipal, segundo as informacións periodísticas aparecidas hoxe, só baralle dúas opcións a respecto do transporte colectivo urbano na nosa cidade.

E o feito é que ambas alternativas benefician á Compañía de Tranvías, xa que logo, por un lado contémplase volver licitar unha concesión de transporte público, desta volta adaptada ao marco lexislativo europeo, concurso onde evidentemente parte con moita avantaxe a propia Compañía de Tranvías a respecto doutras empresas do sector, ou, como segunda opción, realizar unha solicitude á Comisión Europea para autorizar unha prórroga a esta empresa hoxe concesionada para a súa continuidade até o ano 2024.

É por iso que volvemos instar o Goberno municipal a que de xeito inmediato acometa as recomendacións da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e notifique á Comisión Europea a situación do convenio para que avalíe a posíbel existencia de axudas do Estado incompatíbeis coa legalidade europea, e que, de ser estimadas estas circunstancias sexan tomadas as correspondentes medidas administrativas e a devolución inmediata destas axudas.

Bus da Compañía de Tranvías efectuado unha parada

Con todo, lembramos tamén que a situación actual ven provocada pola decisión de prorrogar o convenio sen que se tivera estudado outras alternativas que a propia continuidade da Compañía de Tranvías e receptora destas presuntas axudas non axustadas á normativa europea.

Cremos, por tanto, incríbel que o Goberno da Marea Atlántica só contemple alternativas en beneficio dunha empresa privada a conta dun convenio que incluso a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia recomenda remitir á Comisión Europea «por se se están cometendo ilegalidades na compensacións», e porque entende que o contrato en vigor, que lembramos está prorrogado toda vez que se decidiu aplicar o Regulamento europeo en Xunta de Goberno, produce un exceso de beneficio para a concesionaria, por amparar as perdas, se houber, e que só calcula as súas tarifas, isto é, o prezo do billete, a alza.

Neste sentido, o debate principal non se debe dar a respecto do prezo do bus se non na concesión en si, por ter sido lesiva ás arcas do Concello, e permitir o beneficio privado da Compañía de Tranvías garantindo sempre superávit a conta dos orzamentos municipais, e lamentamos que en ningún momento o Executivo da Marea Atlántica teña formulado como posibilidade a xestión pública municipal.

O executivo da Marea Atlántica quere desviar o debate a conseguir supostas melloras e supostos recortes no prezo do billete, rebaixando o seu prezo e conseguindo bonificación a franxas de idade ou transbordos. Mais nós cremos que o realmente fundamental é o convenio; hai que lembrar que en virtude a este, e ás condicións leoninas que se recollen nel en beneficio da Compañía de Tranvías, este supuxo para as arcas municipais o pago continuado desde 2009 dun total de 64 millóns de euros, e que mesmo este ano, nos orzamentos municipais aprobados a principios de anos, se ten recollido unha partida de 8,2 millóns de euros, que pagamos todas e todos, que acabarán nas contas da Compañía de Tranvías para a compensación do transporte colectivo.

Bus da Compañía de tranvías realizando parada en Porta Real

É por iso que recordamos que o propio Regulamento aplicado para a escisión dálle a posibilidade ao Concello da Coruña de xestionar de xeito directo o servizo público de transporte de viaxeiros segundo o que se sinala no artigo 5.1., polo que denunciamos que, desde un principio o Executivo da Marea Atlántica podería ter estudado como unha posibilidade real asumir unha xestión pública municipal do servizo, e que daría lugar a mellorar as infraestruturas (paradas, marquesiñas, autobuses etc.), mellorar as liñas (frecuencias, rutas, percorridos etc.), aumentar as bonificacións, ou implementar medios de transporte  de forma directa e sen a necesidade de consultar á empresa concesionada que ofrecera o servizo e, por suposto, sen ter que compensala por posíbeis desequilibrios ou mudanzas na concesión.

Asemade, entendemos que esta renuncia a explorar esta posibilidade desde un principio, e manter e comunicar publicamente, a esta altura, cando xa queda só medio ano para o remate da prórroga concedida o 1 de decembro de 2016, as mesmas alternativas que se sinalaban despois daquela Xunta de Goberno, é indicativo de que en ningún momento o Goberno da Marea Atlántica e a Área de Mobilidade Sostíbel tiveron a intención de elaborar un plan global e integral para o transporte urbano colectivo para a cidade, e é indicativo que a inacción que levamos denunciando desta área está sobradamente demostrada, deixando escapar unha oportunidade histórica para tentar recuperar un servizo que é fundamental para a veciñanza da cidade.

Parécenos lamentábel que a volta xa dun ano e medio desde que se tomou a decisión de dar por rematada a concesión en virtude de aplicar o Regulamento (CE) 1370/2007 o executivo da Marea Atlántica sega ancorado nas mesmas alternativas que as formuladas na Xunta de Goberno onde se tomou a decisión o que amosa que non ten plan de seu para o transporte urbano colectivo para a cidade.

 

A Coruña, 23 de maio de 2018.

 

Artigos relacionados:

O Goberno da Marea Atlántica pensa só na Compañía de Tranvías para a xestión dos buses na Coruña