MOBILIDADE

O Goberno municipal segue sen comunicar á CE o convenio lucrativo da Compañía de Tranvías

Autobús da Compañia de Tranvías percorrendo unha rúa da cidade
Autobús da Compañia de Tranvías percorrendo unha rúa da cidade

Exiximos de vez que o Goberno municipal indique se ten a intención ou non de levar o convenio da Compañía de Tranvías á Comisión Europea tal e como recomendou a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia

Denunciamos que desde que se fixeron públicas as conclusións da CNMC a única reacción desde a Área de Mobilidade foi avanzar que só baralla alternativas que sempre beneficiarían á propia empresa concesionada

Queremos que o alcalde explique de que lado está este Goberno: se do lado dunha empresa privada cunha concesión que ten sido lesiva ás arcas do Concello e que ten permitido un beneficio privado continuado e excesivo a conta dos orzamentos municipais, ou se está do lado da veciñanza da Coruña e do ben xeral

O Goberno municipal segue sen comunicar á CE o convenio lucrativo da Compañía de Tranvías

Exiximos de vez que o Goberno municipal compareza de xeito público e indique se ten a intención ou non de levar o convenio actualmente prorrogado sobre o transporte urbano na cidade da Coruña en beneficio da Compañía de Tranvías á Comisión Europea tal e como recomendou a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.

Neste sentido, sinalamos que as informacións periodísticas que seguen recollendo as conclusións do organismo autónomo de carácter estatal, e que profundan nas especiais particularidades do actual convenio teñen que dar lugar a que o Goberno municipal actúe de xeito inmediato, inequívoco e contundente en defensa do Concello da Coruña e das veciñas e veciños da cidade.

A CNMC entende, primeiro, que existe un contrastado e continuado beneficio a unha empresa privada a conta das arcas públicas; segundo, que até en tres ocasións este convenio non foi notificado á Comisión Europea para o seu contraste coa normativa europea; e terceiro, que as axudas subvencionadas á compañía, presuntamente son de carácter «incompatíbeis» coa normativa, debéndose proceder a se recuperar «en aras do interese xeral», incluíndo todo o período no que se ten concesionado o contrato para a xestión do transporte urbano sen se ter comunicado. Todas estas conclusións deberan xa ter motivado de xeito inmediato unha reacción do Goberno Municipal, reacción que non se ten producido.

Pensamos que a inacción do Executivo, desde que se fixeron públicas as primeiras conclusións da CNMC é inexplicábel, e non comprendemos que a única reacción desde a Área de Mobilidade sexa a de barallar alternativas que sempre beneficiarían á propia empresa concesionada.

É máis, parécenos incríbel que o propio Goberno siga reducindo o debate ao prezo do billete. Tómase parte pola empresa, deféndese o convenio e pretende negociar as migallas duns cantos céntimos cando do que se está a falar é da lesividade dun contrato feito a medida dunha empresa privada que durante 32 anos lastrou unha parte importante dos orzamentos municipais e que, por exemplo, desde 2009 supuxo o pago continuado dun total de 64 millóns de euros.

É por isto que insistimos en solicitar do Executivo da Marea Atlántica a que se tomen as decisións que lle son suxeridas pola propia CNMC, que veñen determinadas polas normativas comunitarias, e fagan valer os dereitos do Concello da Coruña notificando á Comisión Europea o réxime no que se conforma e se ven desenvolvendo a prestación do servizo do transporte urbano na nosa cidade.

Queremos que o alcalde explique de que lado está este Goberno: se do lado dunha empresa privada cunha concesión que ten sido lesiva ás arcas do Concello e que ten permitido un beneficio privado continuado e excesivo a conta dos orzamentos municipais, ou se está do lado da veciñanza da Coruña e do ben xeral.

 

A Coruña, 25 de maio de 2018.

Artigos relacionados:

O Goberno municipal segue sen comunicar á CE o convenio lucrativo da Compañía de Tranvías