Por un posicionamento rotundo en contra da construción da planta de hidrocarburos en Oza
Avanzamos o noso apoio á proposta de moción da A.VV. Oza Gaiteira Os Castros para que o Concello da Coruña amose publicamente o rexeitamento á construción dunha Planta de pretratamento de aceites industriais e hidrocarburos no Peirao de Oza
Cualificamos como de “despropósito” que a Consellaría de Beatriz Mato pretenda instalar na bocana da Ría do Burgo esta Planta tendo xa presentado unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para impedir a construción desta infraestrutura
A instalación prevese nunha localización a menos de 500 metros de bancos de produción marisqueira, ao carón de sendas praias (Oza, Santa Cristina e Bastiagueiro), ao carón dun complexo náutico deportivo, dentro do conxunto urbano do barrio de Oza, asiduamente atacado por ser a zona dos peiraos da Coruña onde se teñen desenvolto actividades altamente contaminantes, causantes dunha contrastada polución medioambiental, como descargas de carbón e outros materiais, e por existir desaugues ou canalizacións que teñen producido filtracións e verteduras de hidrocarburos. Basta xa de ataques medioambientais á nosa ría e ao barrio de Oza. Imos esixir xunto coa Asociación de Veciños Oza Gaiteira Os Castros a retirada inmediata do proxecto