A Xunta desoe a comunidade educativa e non construirá un novo ximnasio no CEIP San Pedro de Visma
A Coruña, 3 de febreiro de 2015- A Xunta de Galiza desoe a comunidade educativa e rexeita a construción dun novo ximnasio no CEIP San Pedro de Visma. Así o asegurou o representante do Partido Popular esta tarde na Comisión de Educación do Parlamento de Galiza diante da proposición non de lei presentada polo BNG, que foi defendida polo deputado nacionalista Cosme Pombo.
O parlamentar do Bloque puxo de manifesto na súa intervención as graves carencias de infraestruturas que presenta este centro, nomeadamente no que respecta a seguridade e a accesibilidade. E isto, advertiu, malia tratarse dun CEIP de referencia para alumnado con trastornos de mobilidade e de necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). En resposta a estas eivas, a proposición non de lei do BNG reclamaba a posta en marcha dun novo ximnasio no centro, dado que o actual, que se atopa nun soto, só ten un acceso, a través de escaleiras de madeira que contan cunha plataforma elevadora para cadeiras de rodas-, un auténtico polvorín en caso de incendio. O nacionalista sinalou que se chegan a construír a día de hoxe este ximnasio, que non ten nin saída de emerxencia, non poderían, pois incumpre a normativa vixente.
Cosme Pombo tamén defendeu a necesidade de mellorar a accesibilidade dos diferentes espazos do CEIP, de cubrir o patio infantil e de pechar lateralmente a pista polideportiva para que ambos puidesen ser usados os días de inverno. Ademais, advertiu da necesidade de ampliar e reformar o salón de actos e o comedor escolar, uns espazos insuficientes para os 300 alumnos e alumnas que estudan no centro. Todas estas peticións foron recollidas pola proposición non de lei do BNG e, en consecuencia, contaron co voto en contra do PP, que tamén se negou a emprazar o Concello da Coruña a adecentar o acceso indigno ao equipamento educativo e a limpar as fincas colindantes.
O PP responde que o estado do colexio é correcto e presume de que se acometeron reformas hai 15 anos
Na súa quenda de intervención, o representante do Partido Popular asegurou que o estado do centro, incluído o ximnasio, era correcto e limitouse a presumir das obras de reforma que se acometeron no CEIP San Pedro de Visma "hai 15 anos". De aí que Cosme Pombo, que tamén reclamou máis profesorado, volvera insistir na necesidade de dar resposta ás demandas que formulou a ANPA precisamente cando se cumpriu o 25 aniversario da construción deste centro de ensino.
Pasaron meses desde que presentamos a batería de iniciativas sobre o CEIP San Pedro de Visma e desde entón non fixeron nada para reparar as graves deficiencias dun centro, insistiu, que é referencia para alumnado con problemas de motricidade e con NEAE, continuou o deputado do BNG, quen lamentou que a Consellaría de Educación non aproveitara o cuarto de século do centro de ensino para investir nas tan reclamadas melloras.