Cada día de xaneiro quedaron no desemprego 23 persoas, un total de 715 en todo o mes
A Coruña, 3 de febreiro de 2015. O Grupo Municipal do BNG salienta que fronte ao discurso dos gobernos do Partido Popular que falan dunha suposta recuperación, as cifras do despemprego aséntannos na dura realidade de moitas e moitos veciños: cada día de xaneiro foron ao paro 23 persoas, un total de 715 en todo o mes. Deste xeito, nestes momentos están inscritas nas lista do desemprego un total de 22.413 persoas, cifra que non contempla nin as persoas que se viron na obriga de emigrar nin que as que deixan de anotarse nos Servizos Públicos de Emprego por teren esgotada a prestación.
Os datos coñecidos hoxe poñen de manifesto que a recuperación da que alardean o Sr. Negreira e o Partido Popular é a duns poucos, mentres as maiorías sociais do noso país e da Coruña sofren a temporalidade, a precariedade e a inestabilidade do emprego. As cifras do desemprego tamén reflicten que a aposta do Goberno do Sr. Negreira de facer da Coruña unha cidade exclusivamente de servizos non é o camiño axeitado (xa que é o sector no que máis aumenta o paro: 720 persoas neste mes). Ante isto, o Grupo Municipal do BNG insiste en emprazar o Sr. Negreira a desenvolver políticas que pulen polos sectores produtivos: como a pesca, o sector marítimo, a industria, a Universidade... e aproveitar así todas as potencialidades da nosa cidade.