A Xunta condiciona a aprobación do PXOM a cambios substanciais que o Negreira trata de ocultar
A Coruña, 26 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a Orde de 25 de febreiro de 2013 da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza, sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Coruña, é moi clara e rotunda ao respecto, cando sinala que o outorgamento da aprobación do Plan Xeral da nosa cidade está "condicionado á introdución das modificacións contidas no apartado II desta Orde", razón pola que -sempre segundo a Orde asinada onte polo Conselleiro Agustín Hernández- "cómpre achegar un documento refundido, que introduza eses cambios".
Algúns dos cambios substanciais que obrigan a achegar un novo documento refundido do PXOM e que o mesmo sexa obxecto de tratamento en Pleno
O Goberno do Sr. Negreira pode empregar os eufemismos que queira e edulcorar as palabras que emprega para negar o evidente, mais o certo é que non se trata de cambios menores e/ou meras matizacións, senón de modificacións substanciais, que son as que determinan a esixencia de ter que elaborar un novo texto refundido. Un documento refundido que necesariamente debería ser obxecto de tratamento de novo en Pleno pola Corporación municipal, dada a transcendencia e transversalidade dos cambios e a necesidade de ter que modificar os planos e fichas que correspondan, ademais da propia memoria do Plan Xeral.
Lonxe de seren meras correccións, como defende o Goberno municipal, as modificacións impostas pola Xunta de Galiza son de fondo, moitas das cales foron advertidas reiteradamente polo Grupo Municipal do BNG e mesmo comunicadas directamente ao Goberno Local antes e no propio pleno extraordinario da Corporación Municipal de decembro de 2012. E é que, entre os cambios que necesariamente debe realizar o Goberno Local no documento do PXOM, figuran a imposibilidade de implantar novas gasolineiras nos espazos libres e zonas verdes (cuestións de carácter xeral); a exclusión dos cuarteis militares no cómputo mínimo de equipamentos de sistema xeral esixido legalmente (estrutura xeral e orgánica do territorio e dotacións urbanísticas); o cambio de sistemas (estrutura xeral e orgánica do territorio e dotacións urbanísticas); a necesidade de axustarse integramente ao Ditame Técnico sobre ámbitos atinxidos polo Plan de Emerxencia Exterior do Polígono Industrial da Agrela-Bens, incumprido anteriormente e que persiste como incumprimento no caso da API L 26 "A Silva II" e na API L 28 "Severo Ochoa" (Determinacións no solo urbanístico); as deficiencias existentes no cálculo de aproveitamento tipo nas áreas de reparto do solo urbano non consolidado e no solo urbanizábel (Aproveitamento tipo); e a necesidade de adaptarse ao establecido no Plan de Ordenación do Litoral (Análise do Plan Xeral en relación ao Plan de Ordenación do Litoral), entre outros cambios que se irán dando a coñecer.
Ocultación do requirimento de 10 de setembro de 2012 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
O Goberno Local non só mentiu na tramitación do Plan Xeral, senón que tamén ocultou información aos membros da Corporación Municipal para non evidenciar tamén aquí a súa tramitación chapuceira e o incumprimento dos prazos que tiña anunciado publicamente para a aprobación do seu Plan Xeral. É o caso do requirimento de 10 de setembro de 2012 da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, dirixido ao propio Concello, en relación co procedemento de aprobación do PXOM, que aparece citado expresamente na Orde de 25 de febreiro de 2013 da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza.
A existencia de tal requirimento, que o Grupo Municipal do BNG, solicita que se faga público por parte do Goberno Local, é proba incuestionábel da existencia de omisións e deficiencias na documentación do Plan Xeral tramitada polo Goberno Local. De acordo co artigo 85.7 da LOUG, "De apreciarse la omisión o defectuosa celebración de algún trámite, o la existencia de alguna deficiencia en la documentación del proyecto, requerirá la subsanación de las deficiencias observadas, fijando plazo al efecto. Hasta el cumplimiento efectivo del requerimiento no comenzará el cómputo del plazo legal para la resolución sobre la aprobación definitiva ni procederá resolver sobre ésta".