Visto o expediente, o BNG denuncia que as touradas custaron perto de 100.000
A Coruña, 22 outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a feira taurina, que tivo lugar os días 4 e 5 de outubro, supúxolle ao Concello da Coruña perto de 100.000 euros. O expediente municipal, ao que vén de ter acceso o Bloque, recolle uns gastos de 35.387,15 euros, entre os que se atopan os derivados da montaxe da barreira, a terra e varios (báscula, cartel interior...). Porén, o expediente non recolle outros gastos asumidos polo Concello, como os custos da limpeza do recinto, que as nacionalistas calculan que foi alto, dados os refugallos dos animais e da area; os correspondentes á Banda Municipal de Música ou a cesión do Coliseum. Só o Coliseum custou, como mínimo, 36.783,92 euros. De aí que o Grupo Municipal do BNG calcule que os dous días de touradas lle custaran á veciñanza perto de 100.000 euros*.
Pola outra banda, o expediente examinado polo BNG recolle os datos relativos ás entradas. Tanto o para o día 4 como para o día 5 houbo 8.419 entradas dispoñíbeis. Para as touradas do sábado vendéronse 2.735 entradas (entradas a prezos xenéricos, mais tamén cos descontos relativos aos abonos das peñas, aos abonos do tendido para mozos e mozas de até 30 anos e a oferta de Oferplan) e regaláronse 2.681 convites. En total, na xornada do sábado, a empresa Tauro Siglo XXI, do empresario Tomás Entero, recadou 70.923,74 euros. Para as touradas do domingo vendéronse 2.930 entradas (entradas a prezos xenéricos, mais tamén cos descontos relativos aos abonos das peñas, aos abonos do tendido para mozos e mozas de até 30 anos e a oferta de Oferplan) e regaláronse 2.570 convites. A recadación do domingo foi de 73.834,24 euros. Deste xeito, nin sequera cos descontos (abono das peñas, mozos e mozas menores de 30 anos, Oferplan) nin tampouco cos convites que ascenderon a 5.251, un 31,1% do aforo dispoñíbel- foron quen de ter unha entrada minimamente aceptábel.
Días Aforo dispoñíbel Entradas vendidas Convites Recadación
Sábado, 4 8.419 2.735 2.681 70.923,74
Domingo, 5 8.419 2.930 2.570 73.834,24
Total 16.838 5.665 5.251 144.757,98
O Grupo Municipal do BNG volve reivindicar a abolición das touradas na nosa cidade, na medida en que se trata dun espectáculo cruel baseado na tortura e no maltrato animal e en que non forman parte da nosa tradición cultural. Sinalan as nacionalistas ao respecto que a introdución das touradas en Galiza responde a un intento de colonizarnos culturalmente. Ademais, o Grupo Municipal do BNG considera unha auténtica aberración gastar cartos públicos neste tipo de actos bárbaros.
O BNG tense pronunciado en numerosas ocasións en contra da celebración de touradas e ten presentado numerosas iniciativas, amais de no Concello da Coruña, no Parlamento Galego, no Congreso dos Deputados e no Parlamento Europeo co fin de procurar a prohibición destes espectáculos e de cortar as axudas públicas que aseguran a súa viabilidade económica. Neste sentido, o Bloque seguirá traballando até conseguir unha Galiza libre de touradas. En Galiza, salientan as nacionalistas, hai un consenso social contra as touradas igual de maioritario que o de Catalunya ou o das Canarias.
* GASTOS DESGLOSADOS
Recollido no expediente
Montaxe barreira: 21.175 euros
Terra: 12.342 euros
Varios (báscula...): 1.470 euros
Varios (cartel interior): 400 euros
Non recolle o expediente
Coliseum: 36.783,92 euros, calculados do seguinte xeito en aplicación das taxas recollidas na ordenanza nº44 reguladora do prezo público pola prestación de servizos e utilización das instalacións de titularidade pública municipal cuxa xestión está encomendada ao IMCE.
Fosa e zona de público: 7.789,98 euros/día venres, sábado e domingo. 5.842,03 euros/día de luns a xoves. Aos días de montaxe e desmontaxe aplícaselles un desconto dun 50%. Así, neste concepto, gastaríanse, 34.078,52 euros (calculando que a montaxe e desmontaxe foran, como mínimo, 6 días: o 1, 2 e 3 de outubro e 6, 7 e 8 de outubro).
2 días de camerinos: 708,12 euros
Sistema de aforamento: 1.997,28 euros
Limpeza Coliseum: ?
Banda Municipal de Música: ?