Carril: "Estamos vendo como se substitúe o estado de benestar por un estado penitenciario"
A Coruña, 21 de outubro de 2014- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto en declaracións aos medios, antes de se personar no trámite de proba pola impugnación da sanción económica derivada do intento de despexo de Aurelia Rei, que se está a substituír o estado de benestar por un estado penitenciario ou de penitencia. Así, sinalou que neste contexto de políticas económicas e do desmantelamento do estado de benestar, que provocan empobrecemento, están a darse políticas represivas que se traducen en multitude de sancións vía penal e vía administrativa só única e exclusivamente por exercermos os nosos dereitos fundamentais.
Nesta liña, Carril advertiu de que o meu caso é só unha ánecdota (despois de que a vía penal non prosperara, o portavoz do Grupo Municipal do BNG foi denunciado pola vía administrativa e enfrótase a unha sanción económica). Hai xente anónima que por ir a unha manifestación a exercer o seu dereito fundamental de reunión pacífica ou por emitir a súa expresión no seu exercicio de liberdade de expresión está a ser sancionada administrativamente con multas moi duras que en moitos casos, amais de criminalizar a protesta, sitúan estas persoas nunha situación de maior empobrecemento porque non teñen capacidade para pagar, apuntou. Este é o contexto actual: as políticas neoliberais de apoio á grande banca e aos grandes mercados están a empobrecer a xente, que á súa vez protesta, e increméntanse as políticas de represión. Para a represión non hai austeridade, denunciou.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG aludiu, tamén, ao lema recollido na faixa que portaban as persoas participantes na concentración que tivo lugar ao pé do edificio Proa (onde se atopan os xulgados do contencioso administrativo), Non somos serv@s nin escrav@s, somos pobo que defende os seus dereitos. Este lema non é ningunha obviedade, é unha auténtica necesidade, engadiu Carril, quen agradeceu a presenza das persoas que o apoiaron ao pé dos xulgados.
Vence: O PP destrúe os dereitos da xente, empobrécea e controla o pobo pola vía represiva, sexa económica, sexa policial
Entre as persoas que participaron na concentración de apoio ao portavoz do BNG no Concello da Coruña atopábase o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, quen salientou que a formación nacionalista está a favor de todas aquelas persoas que se comprometen lexitimamente a favor da xente que vive despexos e coa loita dos sectores populares e agredidos, mesmo a costa da represión e da persecución policial e xudicial. Vence acusou o Partido Popular de destruír os dereitos da xente, de empobrecela e de controlar o pobo pola vía represiva, sexa económica, sexa policial.
O portavoz nacional advertiu de que neste contexto de políticas duras, o BNG non se vai nin enrugar nin amedentrar, e imos seguir ao lado das persoas que sofren, prestándolles o noso apoio e protección que o PP lles nega.