Veira: "O PP xoga coa vida dos e das traballadoras do mar ao teimar en privatizar o salvamento"

Veira: "O PP xoga coa vida dos e das traballadoras do mar ao teimar en privatizar o salvamento"

A Coruña, 15 de xaneiro de 2012.- A concelleira Avia Veira reprobou esta mañá en rolda de prensa a actitude do Goberno municipal ao tombar a moción presentada polo BNG sobre o salvamento marítimo e os seguros por mal tempo ou accidentes. Fíxoo acompañada do patrón maior da Confraría da Coruña, Manuel Cao, e do asesor da Confraría, Luís Dopico. Precisamente, as nacionalistas elaboraran a moción conxuntamente cos profesionais do sector.

Veira acusou o Partido Popular de xogar coa vida dos traballadores e traballadoras do mar e de abandonalos a súa sorte. "Onte ficou claro na sesión plenaria, desde o momento en que o Sr. Negreira e os seus concelleiros e concelleiras nin sequera permitiron debater a iniciativa do BNG para restituír a gratuidade do servizo de salvamento", sinalou. "É lamentábel que o Goberno municipal dunha cidade que naceu do mar e que é fundamentalmente mariñeira, como A Coruña, rexeite apoiar os mariñeiros e mariñeiras", engadiu.

A concelleira nacionalista denunciou que o Goberno municipal lles dera as costas á xente do mar ao negarse a derogar o decreto 130/2012, do 31 de maio, para estabelecer o carácter gratuíto e universal das operacións de salvamento marítimo da Xunta de Galiza e a rescatar a venda dos helicópteros de salvamento "Pesca I" e "Pesca II", para devolver a súa titularidade pública e para garantir o cumprimento dos tempos de resposta, un máximo de 10 minutos, tal e como reclamaba o BNG na moción.

Tamén pedían as nacionalistas recuperar o Seguro Colectivo de Accidentes no Mar e o Seguro do mal tempo, así como garantir o envío dun buque de apoio loxístico e asistencia sanitaria á frota pesqueira que se desprazará á vindeira campaña do bonito.

"Os mariñeiros imos pensar dúas veces se chamar a Salvamento Marítimo"

Pola súa banda, Manuel Cao, patrón maior da Confraría da Coruña, aludiu á falta de capacidade do servizo de Salvamento logo da súa privatización por parte do PP desde a Xunta de Galiza. Tamén puxo de manifesto que Confrarías do país están a valorar a presentación dunha denuncia perante a Organización Marítima Internacional para saber se a Xunta está a cumprir os mínimos requiridos en materia de salvamento, máxime cando Galiza é unha potencia en pesca a nivel europeo e é altamente dependente desta actividade.

A continuación, Cao cualificou de "falta de respecto" que o PP lle poña prezo ao salvamento das vidas dos e das mariñeiras. "Moitos de nós, pensaremos dúas veces chamar a Salvamento para evitar que pagar unha factura", sinalou. "É duro dicilo, pero haberá compañeiros que preferirán non chamar, e pedirlle axuda a outros mariñeiros, coas consecuencias que poida ter esta decisión", salientou. "Dados os prezos que puxo a Xunta, pasar unha factura pode significar hipotecar o teu barco e a túa vida", denunciou.

Un operativo de dúas horas de rescate cústalle aos e ás mariñeiras 4.696 euros

Pola súa banda, Luís Dopico informou de que unha hora de helicóptero custa 2.200 euros, máis os 37 horas cada hora que hai que aboar por cada un dos catro tripulantes. Así, un operativo de, por exemplo, 2 horas de rescate custaríalle á vítima 4.696 euros. E se ademais precisa dunha embarcación, por exemplo a "Paio Goméz Chariño", que anda moito pola Coruña, sairíalle, por embarcación (2.200 euros) e tripulantes (37 x 10), outros 2.570 euros.

Dopico, mariñeiro que traballou do mar 50 anos, puxo de manifesto que a privatización do Salvamento "non é unha medida de aforro, é unha medida inxusta". Negou que a Xunta de Galiza aforrara coa privatización. De feito, calculou que hai que pagar 4 millóns máis polo servizo desde que está privatizado. "O mantemento do Salvamento custáballes aos e ás galegas 12,5 millóns, e agora, son 16,5", salientou.

Por último, Dopico criticou a eliminación do seguro colectivo de accidentes no mar, suprimido polo PP na anterior lexislatura, contratado directamente pola Xunta (gratuíto para as persoas aseguradas) e que lle daba cobertura automática en caso de accidente ou falecemento. Daquela, este seguro, que lle supuña á Consellaría do Mar 800.000 euros ao ano, cubría indemnizacións, bolsas para fillos e fillas e mesmo gastos de sepelio.

Recollida de sinaturas

Veira anunciou na rolda de prensa que o BNG colaborará, activamente, na campaña de recollida de sinaturas que emprenderán as Confrarías, que recollen medidas reclamadas polas nacionalistas na moción que o PP tombou. Así, reclamarán a restitución da gratuidade das operacións de Salvamento, rescatar a venda dos helicópteros "Pesca I" e "Pesca II", a recuperación do seguro colectivo de accidentes no mar ou o seguro do mal tempo. Tamén piden a transferencia a Galiza das competencias en materia de salvamento marítimo e de loita contra a contaminación mariña, unha demanda histórica do BNG.

Veira: "O PP xoga coa vida dos e das traballadoras do mar ao teimar en privatizar o salvamento"