A Sra Cid négase a contestar unha pregunta do BNG sobre a creación do sistema aeroportuario galego
A Coruña, 13 de abril de 2013.- O Goberno municipal negouse a contestarlle unha pregunta para a resposta escrita formulada pola concelleira nacionalista María Xosé Bravo sobre Alvedro. Non é a primeira vez que o Goberno do Sr. Negreira tira de evasivas e xeneralidades, e mesmo descarga toda a responsabilidade en gobernos anteriores, para non contestar as preguntas realizadas polo BNG.
Nesta ocasión, o desleixo e falta de respecto do Goberno municipal levaron a Concellaría dirixida pola Sra. Cid a remitir a concelleira do BNG a unha resposta oral a unha pregunta formulada polo PSOE e a unha rolda de prensa da Sra. Cid.
Deste xeito, o Grupo Municipal do BNG non pode coñecer, tal e como solicitaba na pregunta, se o Goberno do Sr. Negreira está disposto a dialogar coa Xunta de Galiza para crear un sistema aeroportuario galego en clave de colaboración e igualdade e para emprazar a Xunta de Galiza a solicitar as competencias en materia aeroportuaria. Na batería de preguntas para a resposta escrita, a concelleira do BNG tamén se interesaba polas xestións realizadas polo Goberno municipal para atraer novas compañías aeroportuarias.
O BNG reivindica rachar co modelo centralista e unipolar español
A concelleira María Xosé Bravo, que critica a actitude insolente e desconsiderada da Sra. Cid, defende optimizar os recursos dos tres aeroportos e reivindica acabar co modelo unipolar e centralista do sistema aeroportuario español, que mantén a Galiza na periferia e que impide a viabilidade de Alvedro. Gustaríanos saber se o alcalde defende a proposta do BNG de constituír un sistema aerportuario galego en clave de colaboración, colaboración e equidade, salienta a concelleira do BNG.