Carballada: "O PP non é inocente nos despedimentos de Atento"
A Coruña, 13 de abril de 2013.- O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, pon de manifesto que a destrución de 142 postos de traballo na empresa Atento son un novo exemplo das dramáticas consecuencias que está a provocar a última reforma laboral impulsada polo PP á que desde o principio se opuxo frontalmente o BNG.
Os despedimentos de Atento, que se suman aos de Santa Bárbara ou Darty, así como a continua destrución de postos de traballo que se producen día a día no pequeno comercio, oficinas ou no traballo por conta propia, son un claro exemplo de que a xeneralización da precariedade e o abaratamento do despedimento lonxe de estar conseguindo a creación de postos de traballo prometida está a provocar xustamente o contrario: unha espiral de destrución de emprego sen precedentes na Coruña e comarca que non para de medrar, advirte o responsábel comarcal do BNG.
Carballada sinala que o Goberno da Xunta de Galicia, vítima da súa incapacidade e do fracaso das políticas que implementa no goberno do estado, opta por desentenderse das problemáticas amosando un apoio cínico aos colectivos afectados que nunca se concreta en solucións, como vimos de comprobar no caso dos traballadores da fábrica de armas. Se o PP non atopa ferramentas para combater a crise é responsabilidade súa. Así o decidiu coas súas políticas, salienta.
O BNG chama a cidadanía a sumarse á mobilización de Atento, que terá lugar este martes
O BNG da comarca da Coruña reclama accións directas e exercicio de responsabilidades ao goberno do PP para conseguir a readmisión das 142 persoas despedidas en Atento e apoia a manifestación convocada polos traballadores e traballadoras o martes 16 ás 20h desde a empresa. O responsábel comarcal, que anuncia a presenza de Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Parlamento de Galicia, así como doutros cargos institucionais e orgánicos da formación frontista, chama a cidadanía a se sumar a esta mobilización en defensa dos postos de traballo.