O Sr. Negreira ponse do lado de Gallardón e non do pobo ao defender as novas taxas xudiciais
A Coruña, 4 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Sr. Negreira se puxer do lado de Gallardón e non do pobo ao defender as novas taxas xudiciais que provocan unha xustiza para persoas ricas e outra para pobres. Non lle valeu ao PP que a moción levada a Pleno contra os recortes no eido da xustiza contara co visto e prace do decano do Colexio de Avogados e presidente do Consello da Avogacía Galega, Antonio Platas, ao que o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, lle presentou a iniciativa nunha reunión que mantiveron a semana pasada.
Os nacionalistas advirten de que as novas taxas aplaudidas polos concelleiros e concelleiras do PP obstaculizarán e dificultarán o acceso á xustiza e deixarán o acceso aos tribunais ao alcance duns poucos, provocando a indefensión na meirande parte da cidadanía. E non só o sinala o BNG, xa que a lei que Lei 10/2010, de 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da administración de xustiza, está a ser de críticas do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Consello do Estado, do Consello Xeral da Avogacía Española e de asociacións de xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, avogados e persoas en xeral.
O Grupo Municipal do BNG reclamaba nesta moción o rexeitamento do Concello da Coruña a esta lei e que se instase o Goberno de España a derogar esta norma. Tamén solicitaba que o Pleno se subscribise ao Manifesto da Avogacía, aprobado polo Consello Xeral, e ao Manifesto sobre loita contra os recortes no dereito á xustiza de FACUA-Consumidores en Acción. Ademais, os nacionalistas propoñían a retirada inmediata do Proxecto de Lei de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que prexudica a calidade da xustiza, e convidar a cidadanía a participar nas concentracións que se realizasen en apoio das reivindicacións das organizacións relacionadas coa xustiza, movemento asociativo da Coruña, sindicatos e organizacións políticas contra a citada lei e contra o citado proxecto de lei.