O BNG esixe que o Goberno municipal reciba @s veciñas da rúa da Gaiteira para negociar a obra
A Coruña, 4 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que reciba os e as veciñas da Gaiteira que piden ser escoitados antes de que se acometa a obra de reforma integral, que ascende ao millón de euros. Esta actuación, tal e como a prevé o PP, contempla unha medianeira que dividirá a rúa en dúas partes.
A concelleira nacionalista María Xosé Bravo, que estivo na Gaiteira o pasado sábado, pon de manifesto a preocupación dos e das habitantes nesta rúa, que se achegaron a ela para solicitarlle a información que lles nega o Goberno municipal. "Trátase dun parecer común a veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros", advirte.
A preocupación dos e das habitantes dos Castros céntrase na medianeira que deixará partida a rúa e no ano de duración das obras, tal e como sinala a concelleira do BNG. "Un ano de obras mataría A Gaiteira, que é das poucas rúas que aínda gozan de vitalidade na Coruña", salienta.