O Sr. Negreira non só non resolveu o caso do Edificio Conde de Fenosa, senón que o empeorou
A Coruña, 4 de febreiro de 2015- A tres meses das eleccións municipais, o Sr. Negreira non só resolveu o caso do Edificio Conde de Fenosa, senón que o empeorou, gastando ademais miles e miles de cartos públicos. Unha das súas promesas electorais era solucionar este asunto e o único que fixo desde que se puxo á fronte do Goberno Municipal foi adiar o problema con estratexias pensadas única e exclusivamente para gañar tempo. E todo isto suplindo a inacción e a pasividade de Martinsa-Fadesa, principal responsábel desta actuación ilegal, que lle ten que estar eternamente agradecida a este Goberno Local.
O Grupo Municipal do BNG sinala que a promesa electoral de Negreira de solucionar o asunto do edificio Conde de Fenosa incúmprese. Así, non só o resolveu senón que puxo en marcha, durante o seu mandato, toda unha serie de estratexias que o único que pretendían era adiar o asunto para gañar tempo, gastando para isto 46.083,43 euros do erario público en informes externos. Lembra o BNG o pago do informe para analizar a situación urbanística do edificio e o axuste ao planeamento por valor de 7.253 euros, no pasado mes de novembro, ao arquitecto Carlos Trabazo, que ocupou cargos directivos na mesma empresa que executou as obras ilegais deste edificio. E a isto súmase o informe deste propio arquitecto, en xuño de 2012, por valor de 18.179,50 euros, e o informe do avogado Rafael Gómez-Ferrer Morante, en xullo de 2012, por un total de 20.650 euros, informes, estes dous últimos, para avaliar a viabilidade técnica da demolición das obras de rehabilitación do edificio Conde de Fenosa e sobre a imposibilidade de execución da sentenza do TSXG de 20 de decembro de 2001, e que de nada serviron, dado que o Supremo fallou en contra do incidente plantexado polo concello.
Toda esta acción dilatatoria do Goberno do Sr. Negreira supliu ao mesmo tempo a inacción e a pasividade da promotora privada Martinsa Fadesa, principal responsábel desta actuación ilegal, en todo o proceso. E é que esta promotora non presentou o proxecto técnico de legalización nin asumiu as súas responsabilidades que lle corresponde na execución da sentenza e nin sequera se opuxo ao último recurso presentado ante o Tribunal Supremo, deixando caducar o prazo de contestación.