O BNG presenta unha moción para garantir unha tributación xusta para emigrantes retornad@s

O BNG presenta unha moción para garantir unha tributación xusta para emigrantes retornad@s

aVIAA Coruña, 5 de febreiro de 2015- Despois de que o Goberno do Sr. Negreira tombara no mes de decembro unha moción sobre a tributación das pensións de emigrantes retornados, o Grupo Municipal do BNG volverá presentar esta moción na sesión plenaria de febreiro, porque así llo demandou ás nacionalistas a plataforma de emigrantes retornados, que considera de urxencia acometer as reclamacións recollidas na iniciativa do Bloque. A moción está encamiñada a garantir que a tributación das súas pensións sexa xusta e igualitaria e para que os impostos que soporta este colectivo non teñan un tratamento legal diferente polo simple feito de ter desenvolto unha parte da súa vida laboral no estranxeiro. Precisamente, esta mañá a plataforma concentrábase fronte á Delegación Facenda nunha mobilización da que formou parte a concelleira nacionalista Avia Veira.

Así, a instancias do colectivo, o BNG solicita na moción que o Pleno da Corporación lle demande ao Goberno do Estado a modificación da lexislación para fixar un mesmo réxime do IRPF para as rendas procedentes de pensións, con independencia de se estas proceden dun estado ou de varios estados; o recoñecemento de oficio das pensións de invalidez coa mesma porcentaxe recoñecida nos países de procedencia coa finalidade de acreditar a exención na tributación destas pensións e a solicitude de información dos países de procedencia das pensións, sobre todo de Suíza, para verificar que prestacións xa están sometidas a gravame no país de orixe para evitar a dupla imposición. Ademais, as nacionalistas reclamarán a revisión dos convenios marco con outros países para evitar que situación deste tipo poidan volverse a producir.

O Grupo Municipal do BNG lembra a forte resposta social que xurdiu despois de que persoas emigrantes en idade de xubilación recibiran os requirimentos da Axencia Tributaria para que declarasen as cantidades percibidas, coa finalidade de proceder á regularización ou no seu caso formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondentes aos exercicios de 2008, 2009, 2010 e 2011. Salienta o Bloque que estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro e que, en consecuencia, existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF. Isto confirma a falta de intencionalidade de defraudar por parte destas persoas. De feito, os estados pagadores nunca lles expediron ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.

O proceso de regulación da reforma fiscal prevista para 2015 é unha solución cosmética

As nacionalistas subliñan que foi a presión que realizou con intensidade a Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados a que motivou a introdución na reforma fiscal prevista para 2015 dun “proceso de regularización” dirixido a este colectivo que, con todo, é unha solución parcial que non asegura un tratamento fiscal equitativo e non discriminatorio respecto doutras persoas que só perciben pensións de organismos do Estado español. Por iso, o BNG entende que non se pode consentir que se lle dea unha solución simplemente cosmética ás xustas demandas deste colectivo coa Axencia Tributaria por atopármonos nas vésperas dun ano de importantes envites electorais.

 

O BNG presenta unha moción para garantir unha tributación xusta para emigrantes retornad@s