MERCEDES QUEIXAS LEVA O ASUNTO AO #PLENOMARZO DO XOVES 13M
Case 5 anos despois da súa doazón ao Concello, o Goberno Local aínda non instalou a estatua en memoria dos Irmáns da Lixivia

A escultura foi doada ao Concello por Selva García, filla do único dos irmáns superviventes ao golpe militar, Pepín García, e o compromiso do Goberno Local con ela foi que a obra se instalaría na rotonda da confluencia das rúas Paseo Alcalde Francisco Vázquez-Manuel García Canzobre-Regata Cutty Sark.
Mais, case 5 anos despois, a escultura aínda non foi colocada na localización prometida, o que levou a concelleira do BNG Mercedes Queixas a rexistrar un rogo oral para a súa lectura no Pleno do vindeiro xoves 13M.
O rogo reza como segue: “Que o Goberno Municipal asuma o seu compromiso e execute, no lugar comprometido e á maior brevidade, a instalación da escultura de Ramón Conde que homenaxea “Os irmáns da lixivia”, como mostra de recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da guerra civil e da ditadura na Coruña”.
A extrema dilación no cumprimento do compromiso contraído polo Goberno Local coa familia destas vítimas do fascismo constitúe unha “falta de respecto” á súa memoria, particularmente incomprensíbel vindo dun “goberno que se autodenomina como progresista”, xulga Queixas.
“Nin a familia desta vítimas da guerra civil nin o propio escultor comprenden a que se debe esta dilación na execución deste compromiso”, conclúe Queixas antes de lle demandar ao Goberno Local que canto antes proceda a facer un recoñecemento público -memoria e reparación- aos irmáns da lixivia.