O BNG levará ao Congreso e ao Parlamento o desmantelamento do Observatorio Meteorolóxico
A Coruña, 4 de febreiro de 2015- A deputada do BNG no Congreso dos Deputados Rosana Pérez e o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, levarán a ambas as Cámaras unha batería de iniciativas contra o desmantelamento do servizo que presta o Observatorio Meteorolóxico da Coruña, a instancias de traballadores do propio centro, que esta mañá mantiveron unha reunión cos parlamentares e coa concelleira Avia Veira.
Os traballadores do Observatorio transmitíronlle ao Bloque a súa preocupación polo baleirado de servizos que está a sufrir o centro da Coruña debido á centralización e aos recortes do Goberno do Partido Popular na Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). A este respecto, advertiron de que os datos que se recollen en Galiza son centralizados e xestionados en Madrid, cando hai anos o procedemento tiña lugar no propio Observatorio da Coruña. Deste xeito, denunciaron a calidade que perde o servizo ao deixar de ser prestado desde Galiza, xa que ninguén mellor que os galegos e galegas coñece a idiosincrasia e peculiaridades do noso país. Sinalaron que a centralización é tal que todas as predicións para Galiza teñen lugar desde Madrid, agás as predicións do mar, un dos poucos servizos que seguen a prestarse desde o Observatorio da Coruña.
O BNG reclamará que as predicións meteorolóxicas se presten de manera íntegra desde A Coruña, como viña acontecendo
Rosana Pérez, Francisco Jorquera e Avia Veira tamén tomaron nota das denuncias transmitidas en relación á non cobertura das prazas vacantes por xubilación, un recorte que provocou que o Observatorio deixase de prestar servizo as 24h do día. Así, na actualidade, a parte relativa á predición ocupa 15h antes 24h- e a de observación, 17h antes 24h. Neste sentido, o BNG solicitará a cobertura dos postos de traballo para que o servizo volva prestarse durante todo o día. Co fin de rematar co desmantelamento que sofre o Observatorio, o Bloque tamén reclamará que as predicións meteorolóxicas se presten de manera íntegra desde A Coruña, como viña acontecendo. Ademais, o BNG trasladará ás Cámaras a situación precaria que padecen os observadores dos aeroportos galegos.