O Sr. Negreira non debe tolerar ningún tipo de encarecemento nas tarifas do bus urbano
A Coruña, 23 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a non tolerar ningún tipo de encarecemento nas tarifas do bus urbanos, que serán aprobadas proximamente en Xunta de Goberno Local. Ao BNG non lle valen as escusas do Goberno do PP para non esixirlle á Compañía de Tranvías que baixe o prezo dos billetes. Lembran as nacionalistas que o bus urbano da nosa cidade é dos máis caros do Estado español, segundo advirte a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).
Diminuír os prezos dos billetes é posíbel sempre e cando o Goberno do PP acceda á petición do BNG de revisar a concesión da Compañía de Tranvías (en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña) e de revisar a fórmula polinómica para o cálculo das tarifas (en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión). Mentres non se revise esta fórmula, tanto as tarifas do bus urbano como as subvencións municipais á Compañía de Tranvías seguirán subindo cada ano.
O BNG volve pedirlle ao Sr. Negreira que deixe de poñerse ao lado da Compañía de Tranvías para poñerse ao lado do conxunto da cidadanía que, desde que o PP goberna A Coruña, paga máis polos billetes do bus e paga máis en concepto de subvencións á empresa concesionaria. Precisamente, os orzamentos de 2014 recollen a transferencia corrente de 7,5 millóns para a Compañía de Tranvías, unha cantidade que podería resultar insuficiente, tal e como sinala o interventor no seu informe.