O BNG demostra que o PP recortou os orzamentos de Servizos Sociais
A Coruña, 23 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Partido Popular tratara de enganar a xente ao falar dos orzamentos máis sociais, como vén anunciando cada ano que pasa. E é que lonxe de aumentar, as contas de 2014 de Servizos Sociais experimentan unha caída. A priori, os orzamentos do departamento dirixido por Miguel Lorenzo ían aumentar en 253.000 euros, un 1,6% máis respecto dos orzamentos de 2013. Porén, a insignificante suba viuse anulada por un novo convenio entre o Concello e a Xunta de Galiza.
En base a un convenio, o Goberno do Sr. Negreira agasallará o Consorcio de Igualdade e Benestar con 315.864 euros, cartos que serán destinados para que a Administración local e a galega compartan o custo dos dous centros de día de xestión privada que hai na nosa cidade. Así, de aumentar en 253.000 euros os orzamentos de 2014 de Servizos Sociais, o PP pégalles un recorte de 62.864 euros respecto dos orzamentos vixentes.
A concelleira do BNG María Xosé Bravo, que cualifica este agasallo como un Robin Hood ao revés. pon de manifesto que a Xunta de Galiza empraza os Concellos a asinar este tipo de convenios tanto para centros de día como para escolas infantís. Porén, os Concellos están no seu dereito de non asumir tales gastos. Explica que o Concello da Coruña sempre se negara a asinar estes convenios que lle supoñen unha perda de recursos públicas. Está claro que ao Sr. Negreira lle importa máis quedar ben co seu partido que co pobo da Coruña, sinala.
E mentres o Sr. Negreira agasalla a Xunta con 315.864 euros e fai caer os orzamentos de Servizos Sociais en 62.864 euros, atrévese a deixar conxelada a partida de emerxencia social, que repite cos 660.000 euros de 2013, e atrévese a suprimir as subvencións destinadas a actividades de cooperación exterior das ONDGs, unha partida que pasa de 140.000 euros de 2012, a 90.000 euros no 2013 e a 0 euros o ano que entra.