O Sr. Negreira loita contra @s pobres no canto de loitar contra a pobreza
A Coruña, 6 decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de ter coñecemento de novas ameazas de multas económicas por parte do Goberno do PP a persoas, na súa meirande parte de nacionalidade romanesa, que recollen comida ou obxectos variados dos colectores do lixo, así como de persoas con cativos ao seu cargo que levan máis de dous anos recorrendo sancións económicas que non poden ás que non poden facerlles fronte por recolleren cartóns. As nacionalistas denuncian que esta campaña de acoso e derribo contra as persoas con menos recursos responde á criminalización da pobreza por parte do Partido Popular e do Sr. Negreira, ao que acusan de loitar contra as persoas pobres no canto de loitar contra a pobreza facendo un uso fraudulento e inxusto da ordenanza municipal da limpeza.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Goberno do PP emprega dúas medidas contra as persoas que viven nunha situación de pobreza extrema: en primeiro lugar[1], contra as persoas que buscan nos colectores do lixo comida ou obxectos a través de ameazas de multas (aínda que o parecen non son sancións, pois non existe base legal que as ampare) e, sen segundo lugar, contra as persoas que recollen cartóns a través de denuncias do Concello que son tramitadas pola Consellaría de Medio Ambiente, que é quen impón a sanción económica. Este último caso é de especial gravidade xa que de non satisfacer o importe da multa as persoas sancionadas poden perder axudas galegas como a RISGA ou as axudas municipais, ao entenderse que teñen débedas coa Administración.
Neste contexto, as nacionalistas, que tiveron acceso aos expedientes administrativos relativos ás multas por buscar no lixo ou por recoller cartón, denuncian que o Partido Popular se serve da policía local para resolver os problemas que non resolven os Servizos Sociais Municipais. Só un Goberno local inhumano, insensíbel e prepotente pode castigar con multas e ameazar as persoas que viven nunha situación de pobreza e só un Goberno local inhumano, insensíbel e prepotente pode enviar a policía local contra as persoas que pasan fame.
O Grupo Municipal do BNG insiste en pregarlle ao Goberno do Sr. Negreira que rectifique unha medida que atenta contra as persoas máis débiles.