O BNG propón un Plan especial de erradicación do chabolismo baseado na vivenda, emprego e ensino
A Coruña, 5 de decembro de 2014- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denunciou esta mañá en rolda de prensa que o Goberno do Sr. Negreira nada fixo para erradicar o chabolismo na nosa cidade e de acometer un reparto desigual das axudas públicas para os poboados chabolistas. Así, acusou o Sr. Negreira de discriminar 140 familias que viven no Portiño, nas Rañas e, tamén na Ponte Pasaxe. Sinalou que neste último asentamento a situación é terceiromundista, de abandono total e absoluto e de desprotección total. O único do que pode presumir o Sr. Negreira neste 2014 é de sacar 1 familia da Ponte da Pasaxe e de que outra familia marchara sen ningún tipo de axuda, ironizou.
A concelleira nacionalista explicou que o Sr. Negreira alongou o Plan Especial de Penamoa, poboado que cando o PP accedeu á Alcaldía xa estaba desmantelado e que cada ano atendía menos persoas co mesmo orzamento. Así, mentres no 2011 e no 2012 o orzamento deste plan se aproximaba aos 700.000 euros, a cantidade caeu a 450.000 euros no 2013. En 2014, sinalou, o Goberno local entrégalle á Fundación Abanca 333.000 euros para seguir a facer o mesmo coas mesmas familias, de modo que quedan discriminadas as familias que viven nos asentamentos da Pasaxe, das Rañas e do Portiño. Nos últimos anos, salientou Bravo, o Concello da Coruña investiu perto de 3 millóns de euros no Plan de erradicación do chabolismo.
A edila do Bloque criticou que o Goberno do Sr. Negreira non estea a cumprir os obxectivos recollidos nas cláusulas do convenio asinado coa Fundación Abanca. Este convenio márcase como unha das finalidades que, cando menos, 8 familias accedan cada ano a unha vivenda de titularidade público. Este obxectivo non se está a cumprir nin se cumpriu nos anos anteriores, pois en 2012 tan só 2 familias que vivían en Penamoa accederon a unha vivenda pública, a mesma cantidade que no 2013, sinalou Bravo, tirando dos datos extraídos do expediente administrativo que vén de consultar. O Goberno do Sr. Negreira mente cando en resposta a unha pregunta escrita do BNG afirma que os obxectivos foron conseguidos, engadiu. Así, de 16 familias que, como mínimo, deberían acceder a unha vivenda pública en dous anos, tan só o fixeron 4 familias.
No que ten a ver co Plan Municipal de Axuda ao Aluguer (PMAL), estipulada en 130 euros por unidade convivencial, a concelleira nacionalista advertiu de que non está funcionando. De feito, indicou que a última memoria de xestión da Concellaría de Servizos Sociais revela que só o 5% dos cartos do Plan de erradicación do chabolismo foi empregado para aluguer de vivendas a familias que estaban fóra de Penamoa. Trátase dun reparto desigual de axudas públicas que incrementa aínda máis a situación de pobreza que sofren as familias do Portiño, das Rañas e da Ponte Pasaxe, insistiu. Ademais, indicou as dificultades de acceso á vivenda, pois de 46.800 euros orzados para 2013 tan só se conseguiron executar 25.000 euros. E isto, salientou, a pesar de que se atendeu a totalidade das demandas, tal e como recolle a memoria de xestión.
O BNG propón un Plan especial de erradicación da vivenda precaria que lle dea solución ás 140 familias que están nunha situación de extrema pobreza
Amais de denunciar a nefasta xestión do PP en materia de erradicación do chabolismo, María Xosé Bravo presentou na rolda de prensa unha iniciativa na que propón a posta en marcha dun Plan especial de erradicación da vivenda precaria que lle dea solución ás 140 familias que están nunha situación de extrema pobreza e exclusión e na que pide que a xestión do orzamento público destinado a este plan se faga desde o propio Concello, en coordinación coas persoas afectadas e coas asociacións que alí traballan.
Explicou que no mesmo rogo o BNG reclama que se realice un Plan de Inclusión Social con medidas concretas para loitar contra a criminalización da pobreza, que acabe coas multas pola recollida de cartón, por exercer a venda ambulante e por buscar comida nos colectores do lixo.