O Sr. Negreira destina parte da subvención da Xunta para cubrir servizos que debería acometer CESPA

O Sr. Negreira destina parte da subvención da Xunta para cubrir servizos que debería acometer CESPA

carlos negreiraA Coruña, 6 de febreiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG cualifica de escándalo que o Goberno do Sr. Negreira inclúa na súa solicitude de subvención ante a Consellaría de Traballo e Benestar para o programa de contratación temporal de persoas perceptoras da Risga inscritas no Servizo Público de Emprego un servizo que debería estar a realizar a empresa adxudicataria da limpeza viaria: a retirada de cartelaría e de pegatinas da vía pública. Así o reflicte o expediente aprobado en Xunta de Goberno Local na mañá de hoxe.

As nacionalistas lembran que CESPA recibe máis de dez millóns de euros anuais do Concello da Coruña pola adxudicación da limpeza viaria. Malia isto, o Goberno do Sr. Negreira reforza o servizo que presta CESPA con dez peóns contratados con fondos públicos en base á subvención da Xunta de Galiza para a retirada de pegatinas e cartelaría.

O BNG advirte de que non é a primeira vez que isto acontece, pois o ano pasado, a Concellaría de Medio Ambiente solicitou esta mesma subvención para cubrir o mesmo servizo, mais en 2014 tratábase de tres peóns e non de dez. A novidade este ano tamén é que se inclúe o plan Rúa, de modo que dez peóns acometerían tarefas recollidas no tan propagandístico plan.

Está o Goberno do Sr. Negreira cubrindo o persoal de CESPA grazas a esta subvención?

En relación ao número de persoas contratadas ao abeiro da subvención da Consellaría de Emprego e Benestar para retirar cartelaría e pegatinas, as nacionalistas pregúntanse se o Goberno do Sr. Negreira lle está a permitir a CESPA que recorte persoal propio ao abeiro desta subvención. E é que resulta sospeitoso que o Concello pase de contratar tres peóns o ano pasado a dez peóns neste ano en curso, cando se trata, precisamente, de acometer os mesmos labores.

 

O Sr. Negreira destina parte da subvención da Xunta para cubrir servizos que debería acometer CESPA