O BNG anima a veciñanza da Coruña a se manifestar pola lingua galega
A Coruña, 6 de febreiro de 2015- O BNG da comarca da Coruña expresa o seu total apoio á manifestación a favor da lingua que ten convocada para este domingo 8 de febreiro en Compostela a plataforma Queremos Galego, baixo o lema Polas fillas dos nosos fillos, Queremos Galego!. Así, o BNG fai un chamamento a toda a veciñanza da comarca para que participe na mobilización, con independencia da súa cor ideolóxica, pero co obxectivo común de evitar que o idioma do país esmoreza coa perda diaria de falantes.
O Bloque levará a todos os concellos da comarca como compromiso electoral de cara aos comicios municipais de maio o impulso do uso do idioma, como xa está a facer agora onde goberna, convertendo o galego na lingua de uso na institución e nas relacións con terceiros. Sinala a formación frontista que trinta anos de autogoberno non evitaron que o galego retrocedera tanto nas institucións, como na sociedade, nun proceso que se agudizou coa política lingüicida do Partido Popular alá onde goberna.