O Sr. Negreira beneficia o Estado español e prexudica o Concello coa súa intención sobre o cárcere
A Coruña, 8 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG non comparte a intención do Goberno do Sr. Negreira de asumir os custes de reparación do edificio que albergaba o cárcere provincial. A idea do Sr. Negreira supón unha dupla perda económica para o Concello e un gran beneficio para o Estado español por conta da nosa cidade, pois o Estado non só foi agasallado cunha parcela municipal, onde está hoxe en día o Centro de Inserción Social, valorada en 2.200.000 euros no convenio de 2005, senón que vai aforrar os custes de reparación do cárcere aos que ten a obriga de acometer.
As nacionalistas advirten de que a intención do Sr. Negreira tería como gran beneficiado o Estado e como gran perdedor o Concello. Se ben é certo que o Estado deixa de ingresar 1.122.772 euros que non lle correspondían, tamén o é que leva tempo disfrutando da entrega dunha parcela municipal de balde e que deixa de financiar as obras de reparación deste inmoble singular, unhas obras que ascenderían a unha millonada, sinalan. Só amañar o tellado, ilustran, custaría un millón de euros.
O BNG reclámalle ao Goberno municipal que, no novo convenio, incorpore unha cláusula específica que obrigue a que o financiamento das obras de reparación sexan asumidas polo Estado
O Grupo municipal do BNG insiste en lembrar que é o Estado español o que ten a obriga de evitar o deterioro do edificio e de mantelo en óptimas condicións. Así, o Goberno central ten o deber de asumir as consecuencias derivadas do seu incumprimento e desleixo, que levaron a que o antigo cárcere presente unha imaxe de abandono total. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG oponse totalmente a que o Estado lle devolva á cidade o edificio do cárcere deteriorado como está. Por isto, reclaman que o Goberno municipal, no novo convenio, incorpore unha cláusula específica que obrigue a que o financiamento das obras de reparación sexan asumidas polo Estado, co fin de que o Concello da Coruña non saia perdendo.
As nacionalistas esperan que o Sr. Negreira entre en razón e defenda os intereses da cidade e non trate de aforrarlle cartos ao Goberno do Sr. Rajoy, xa que, reiteran, a cidadanía da Coruña non ten que asumir os millonarios custos de reparación do cárcere.