UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA
Ver a eclipse como o que é, un fenómeno cientifico fascinante, non como unha verbena máis
Así o considera a nosa portavoz no Concello e candidata á Alcaldía, Avia Veira, quen acaba de rexistrar un rogo oral ao respecto.
Con esta iniciativa, o BNG pretende en primeiro lugar que o día da eclipse o Goberno Local faga cumprir a ordenanza municipal contra a contaminación acústica, impedindo que locais de hostalaría podan colocar na rúa altofalantes ou equipos de música durante a tarde e a noite do fenómeno astronómico. Cómpre favorecer a convivencia e o descanso das veciñas e dos veciñas nas zonas da cidade con maior concentración hostaleira.
“Chamounos moito a atención que a alcaldesa anunciara que, durante o horario clave da eclipse, lle ían pedir aos locais de hostalaría que se apagasen os altofalantes e os equipos de son situados no exterior. E chamounos moito a atención porque os locais non poden reproducir música na rúa”, afirma Veira.
“Pode ter un pase que a hostalaría poda colocar barras no exterior, sempre cumprindo horarios e respectando o dereito á accesibilidade de todas as persoas. Mais o que non pode ser é que se incumpra a Ordenanza contra a contaminación acústica e se reproduza música na rúa”, engade.
Se non se tomaren medidas, a veciñanza do centro, que é onde hai máis concentración hostaleira e que xa atura niveis de ruído excesivos, “vaise ver novamente afectada pola decisión de converter un fenómeno único e unha experiencia fascinante nunha verbena”, alerta Veira.
En definitiva, o BNG insta o Goberno Local a que non reduza a eclipse a un evento festivo sen máis e a que o aproveite “como un fenómeno único que pode e debe observarse en comunidade, de xeito responsábel e coas precaucións e recomendacións científicas”.