Bravo denuncia que o Concello dificulta o acceso á escola municipal de música
A Coruña, 9 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira dificulta o acceso á escola de música. A concelleira María Xosé Bravo pon de manifesto que, por vez primeira, o Goberno municipal obriga a pagar o importe íntegro da matrícula no mes de maio (70 euros para persoas empadroadas na Coruña e 94,13 euros para as persoas de fóra da cidade) cando, até o de agora, pagábase a metade da matrícula en maio e a segunda metade, en setembro.
A edila nacionalista explica que, nos últimos anos, o alumnado tiña a posibilidade de inscribirse na escola municipal pagando a metade en maio e podía agardar a setembro, mes en que saen as listaxes de persoas admitidas no Conservatorio. Deste xeito, as persoas interesadas podían ter a opción de non chegar a pagar o segundo prazo se tiñan, finalmente, praza no Conservatorio, dado que estudar no Conservatorio é moito máis asequíbel que a escola municipal de música.
A concelleira María Xosé Bravo anuncia a presentación dunha iniciativa para coñecer os motivos que levaron o Goberno municipal a cobrar o importe íntegro da matrícula no mes de maio, ao contrario do que se viña facendo até o de agora.