O Concello non ten que pagar nada polo cárcere, que lle é propio, nin polas obras de reparación
A Coruña, 7 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto respecto do edificio do cárcere que o Concello da Coruña non ten que pagar por algo que lle é propio e que tampouco ten que pagar polo financiamento das obras de reparación do inmoble. De aí que as nacionalistas advirtan de que A Coruña ten que recibir o solar e o edificio da antiga prisión provincial en óptimas condicións.
Xa no 2005, cando Paco Vázquez asinou o convenio leonino con Institucións Penitenciarias, convenio en virtude do cal o Concello debería de aboarlle ao Estado os case 1,127 millóns de euros para compensar a diferenza de valor dos terreos permutados, o BNG sinalaba que non había nada que regalarlle nin que pagarlle ao Goberno central. Precisamente, as nacionalistas presentaran un voto particular neste sentido na sesión plenaria en que foi ratificado este convenio vazquiano.
O Grupo Municipal do BNG insiste na necesidade de que o Goberno central acometa as obras que garantan a conservación e mantemento deste edificio singular. E é que unha vez se traspase a titularidade do inmoble ao Concello sería o Concello quen tiver que asumir a rehabilitación duns danos provocados polo abandono e polo desleixo de Institucións Penitenciarias, feito que desbota, totalmente, o BNG. Por iso, as nacionalistas emprazan o alcalde a garantir a devolución do solar e do cárcere en perfectas condicións, para que as obras corran por conta do Goberno central e non lles supoñan gastos á Administración local.