O recurso do BNG ao PXOM busca combater a privatización e ordenación do porto
A Coruña, 22 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG recorre legalmente o Plan Xeral de Ordenación Urbana do Partido Popular co fin de combater a privatización e a ordenación do porto, dada a excepción da cesión do 10% do aproveitamento no ámbito do Plan Especial de Transformación PET-Q23 Peirao 1-Calvo Sotelo. E é que no documento de Fichas Normativas, a ficha deste polígono indica literalmente en relación cos parámetros de aproveitamento que non hai cesión do 10% de aproveitamento.
As nacionalistas poñen de manifesto que esta excepción, que xa figuraba no convenio subscrito polo Ministerio de Fomento, Xunta de Galiza e Concello no ano 2004 (sendo alcalde Paco Vázquez), constitúe unha reserva de dispensación que é nula de pleno dereito, dado que exime do deber de cesión de aproveitamento en solo urbano non consolidado. Trátase, advirten, dunha excepción que non recolle nin a lexislación da Xunta de Galiza nin a estatal. Así, tanto a lexislación galega como a lexislación básica estatal impoñen a obriga da cesión do 10% do aproveitamento aos propietarios do solo urbano non consolidado. E nesta ficha en cuestión, o polígono aparece cualificado como solo urbano non consolidado.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG anuncia que tamén recorrerá en vía xudicial o PXOM no que ten a ver coa ordenación da Torre, a privatización dos terreos da Solana, a edificabilidade de determinados polígonos (o cuartel da Agrela), a incompatibilidade de determinados sectores e polígonos coas afeccións da refinaría, o réxime das API (Áreas de Planeamento Integrado) e a insubstentabilidade económica do PXOM.