O BNG chama a participar masivamente no Día da Patria contra a corrupción e pola soberanía
A Coruña, 22 de xullo de 2013.- O BNG da comarca da Coruña chamou esta mañá a acudir masivamente á manifestación nacional convocada polo Bloque con motivo do Día da Patria, que terá lugar este xoves, ás 12h, con saída da Alameda de Santiago de Compostela, como un xeito de mobilizármonos contra a corrupción do Partido Popular e contra a podremia do sistema, ademais de reivindicarmos un futuro digno para Galiza. Para facilitar a asistencia á manifestación nacional, que se celebra baixo o lema Galiza pola Sobernía, o BNG da comarca pon autobuses con saída ás 10.30h da Praza da Palloza e con volta ás 19.30h (5 euros ida e volta). As persoas interesadas poden apuntarse chamando ao 981 168 977 ou a través do mail [email protected].
En rolda de prensa, o responsábel comarcal Paulo Carballada tamén presentou o acto central da comarca con motivo do Día da Patria, acto lúdico-reivindicativo que terá lugar mañá, martes, ás 20h, nos Xardíns de Méndez Núñez. Ademais de contar coas intervencións do portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, do portavoz municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, e da responsábel local de Galiza Nova na Coruña, Alba Sánchez, actuarán Lidia Botana, Xurxo Souto e mais o grupo de gaiteiros Xebre.
O responsábel comarcal, que animou a cidadanía a pendurar das fiestras das vivendas bandeiras da Patria co fin de visibilizarmos o orgullo de sermos galegos e galegas, apelou á necesidade de termos poder de decisión, é dicir, soberanía, para podermos saír da crise con xustiza social. Puxo de manifesto que a soberanía é a ferramenta indispensábel para facérmoslle fronte á crise e é un dereito democrático que non se nos pode negar.
Festigal: música, ideas e letras para tod@s
Pola súa banda, a responsábel local de Galiza Nova, Alba Sánchez chamou a mocidade a sumarse ao Festigal, con entrada de balde e que contará con cafés-concertos, con zona de xantar, debates, libros e editoriais, xogos e animación para as crianzas, feira de asociacións, artesanía, centros sociais e deporte galego. Actuarán a noite do mércores, día 24, a partir das 22.30h, A Quenlla, Sés, Nao e Festicultores Troupe. A partir das 17h do xoves, día 25, actuarán Tempo Catro, Habelas Hainas, Os da Ría Íntimos, Grampoder, García Mc e o mago Antón.
Alba Sánchez apelou os mozos e mozas a participar nas mobilizacións do BNG con motivo do Día da Patria como forma de reivindicarmos un futuro digno para a mocidade. A única saída que temos co PP é o desemprego, a precariedade laboral e a emigración, o propio Feijóo así nolo dixo cando agasallou os mellores expedientes académicos cunha maleta, advertiu a nacionalista, que tamén se referiu aos recortes do PP en materia de educación. Non queremos maletas, queremos solucións, e a solución pasa pola soberanía para o noso país, un país que é rico en recursos e onde non se nos permite traballar, precisamente, por non sermos soberanas, salientou.
O BNG deulle voz aos colectivos máis castigados pola crise nos barrios da cidade
Pola súa banda, o responsábel local do BNG, Raúl Fernández, valorou moi positivamente a campaña desenvolvida polo BNG da Coruña ao longo dos barrios da cidade, unha campaña que comezou coa palestra de Pilar García Negro sobre o Estatuto do 36 e que continiou con actos políticos nos barrios para lle expor á cidadanía a necesidade de contarmos con poder de decisión desde Galiza para negociarmos en pé de igualdade con outros países sobre os nosos recursos. Ademais, nestes actos o BNG deulle voz aos colectivos máis castigados pola crise e polas políticas antisociais do Partido Popular: mulleres, ensino, sanidade, desafiuzamentos, preferentes, mocidade, pesca, xubilados e emigración.