O BNG ve ridículo que o PP presuma do "tempo récord" do PXOM malia o serial de chapuzas
A Coruña, 25 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera ridículo de que o alcalde presumira hoxe do tempo récord do Plan Xeral, cando as súas présas e as súas chapuzas levárono a cometer erros que tivo que corrixirlle a Xunta de Galiza. A mostra é que o PXOM, logo de ser aprobado provisionalmente no Pleno extraordinario de agosto, tivo que ser levado, unha vez máis a Pleno, desta vez en decembro, para incorporar os cambios esixidos polo Goberno galego. Foi tal o conxunto de despropósitos do Plan Xeral que até a Xunta do PP o tombou. Lembra o BNG que as modificacións substanciais introducidas pola Xunta de Galiza tiñan a ver coa refinaría (imposibilidade da ampliación da zona residencial no contorno de ámbito de protección da refinaría e a incidencia da análise cuantitativa de riscos), co fóra de ordenación (á Xunta non lle colou a proposta do Goberno municipal) e coa mamotretada de Durmideiras (corrección da ocupación con uso terciario a superficie de espazos libres da Agra de Santo Amaro, alén de esixir a identificación localización concreta do aproveitamento urbanístico en Durmideiras).
Máis que presumir do tempo récord, o Sr. Negreira debería avergoñarse da tramitación do PXOM, que foi un fracaso monumental. As présas do Goberno municipal por sacar de diante o PXOM non só motivaron informes negativos por parte da Xunta de Galiza, senón que tamén provocaron que a modificación do calendario e as porcentaxes de pago do contrato da consultoría e asistencia técnica para a revisión do plan.
Dados os antecedentes que caracterizaron o Goberno municipal na tramitación chapuceira do PXOM, as nacionalistas están á espera de ter acceso á documentación asinada esta mañá polo alcalde e polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O Grupo Municipal do BNG, xa afeito ás ocultacións, mentiras, documentación incorrecta e/ou incompleta e cambios sobre cambios, non descarta atoparse con novas sorpresas unha vez coñeza a documentación asinada entre o alcalde e o conselleiro.